MORRAZOALDIA 25/05/15

Os partidos de esquerdas obteñen o apoio de Cangas


Asemblea Pola Unidade chega á corporación con tres concelleiros e Cangas Decide consegue un. O Partido Popular de José Enrique Sotelo pasa de dez a oito edís, coa perda de case 2.000 votos.
Os resultados electorais de Cangas deron un xiro ao panorama político. As forzas da esquerda logran acaparar a maioría dos votos e o programa electoral do Partido Popular, encabezado polo ata agora alcalde José Enrique Sotelo, non convence os cangueses. Se en 2011 Sotelo obtivo 6.095 votos e 10 edís, os resultados actuais descenden ata os 4.213 votos e oito concelleiros.
ACE Son, encabezada por Xosé Manuel Pazos e con Mariano Abalo de segundo, rexistra unha suba con respecto aos últimos comicios, pasando de tres a catro representantes. O proxecto de Alternativa Canguesa de Esquerdas alcanza os 2.268 votos, fronte aos 1.744 dos pasados comicios. Abalo asegurou que “é importantísimo o que aconteceu, non só somos a segunda forza máis votada senón que tamén a primeira da esquerda”, ao que engadiu que “non aspiramos a gobernar unha Alcaldía que represente a ACE, senon a todos os cangueses e canguesas”.
O Bloque Nacionalista Galego alcanza os 2.062 apoios e rexistra un descenso con respecto ao apoio de 2011, onde 2.532 persoas apoiaron o seu proxecto. Non obstante, estas cifras non provocan cambios na representación dos nacionalistas, que continuarán con catro concelleiros. A súa voceira, Mercedes Giráldez, móstrase moi satisfeita cos resultados. “O grande derrotado éPP, Cangas dixo que quere un goberno de esquerdas e polo BNG non vai ser. Agora hai que sentarse a falar e o BNG está disposto a facelo“, explica Giráldez.
A sorpresa, para moitos, veu da man de Asemblea pola Unidade, unha agrupación que consegue chegar con forza a Cangas co apoio de 1.925 persoas e tres concelleiros. O resultado foi recibido con moita alegría por parte dos integrantes da agrupación, que aposta pola participación en común e o sistema asembleario.
O proxecto de José Luis Gestido, Cangas Decide, tamén logra un oco dentro do novo panorama político da vila cun concelleiro. O proxecto alcanza 973 votos e logra un edil.