FARO DE VIGO 15/05/15

ABALO PIDE UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA ESTUDIAR A NOVA SITUACIÓN DE MASSÓ
Pide que Costas reclame ao Porto de Vigo terreos públicos


Trala aprobación do Plan de Usos do Porto de Vigo, o grupo municipal de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) considera convinte consensuar a celebración dun pleno extraordinario para a formalización dunha solicitude para reclamar a cesión gratuita dos terreos públicos de Massó e a delimitación concreta dos terreos, coa clasificación de interacción porto-cidade. O concelleiro de ACE Mariano Abalo sinala que a corporación debe ter en conta que hai un patrimonio a conservar e obrigar a que tanto a Autoridade Portuaria de Vigo como a empresa Marina Atlántica deben recuperar os edificios e despois cedelos ao Concello de Cangas, co fin de que se definan os seus usos. 
Mariano Abalo tamén esixe á Xunta de Galicia que se pronuncie respecto á lámina de auga. Pide que asuma as competencias neste ámbito, para o que van solicitar tamén o apoio da Confraría de Pescadores de San José de Cangas.
Mariano Abalo considera que é urxente que o alcalde de Cangas convoque unha xunta extraordinaria de portavoces, co fin de que se acorde a convocatoria do citado pleno. Afirma Mariano Abalo que consultou con técnicos municipais e que é completamente legal a celebración dun pleno nestas datas de campaña electoral.
Abalo rexeitalle a Costas que non asuma a decisión de solicitar a cesión dos terreos á Autoridade Portuaria, co fin de que despois pasen a ser propiedade do Concello de Cangas. Considera que a cesión, tal e como están os edificios é un agasallo envenenado para o Concello de Cangas e que o normal é que sexa Costas que asuma o gasto do mantemento. Denuncia que o Plan de Usos do Porto de Vigo non lle asigne ao Concello de Cangas nin un só metro de terreos, algo totalmente contrario ao que vende o concelleiro de urbanismo, Rafael Soliño.