CHARLA C@S VECIÑ@S DE SAN ROQUE

O CEIP SAN ROQUE PRECISA DUNHA ACTUACIÓN URXENTE
Pazos destaca que ata o de agora foi Louzán o alcalde de Cangas


Alternativa Canguesa de Esquerdas mantivo hoxe unha charla no CEIP San Roque cos veciños de Darbo, para expoñer tanto as súas propostas programáticas como para informar das actuacións urxentes que se deben tomar no Concello de Cangas se ACE pasa a encabezar un goberno de esquerdas o próximo 24 de maio.


O candidato á alcaldía, Xosé Manuel Pazos, destacou que as parroquias son as grandes esquecidas do actual goberno do PP, e que urxe unha actución a este respecto. Pazos sinalou que o máis importante é establecer un diálogo permamente coas persoas e os colectivos sociais, e sobre todo coas parroquias. Asemesmo defendeu a creación de Consellos Parroquiais, representados polos seus veciños, para converter así ás parroquias en interlocutor válido para tódolas actuacións que lles afecten, “xa que ninguén mellor que un veciño para saber as necesidades do seu entorno máis inmediato”.

A charla celebrouse no CEIP San Roque, onde Pazos é mestre desde hai varios anos, e onde destacou a necesidade urxente dunha actuación nesta infraestructura. Neste intre as instalacións escolares contan con numerosas deficiencias. Aínda que é por todos sabido que estas actuacións teñen que correr a cargo da Xunta de Galicia, ten que ser o Concello quen solicite eses arranxos.


A este respecto, Xosé Manuel Pazos destacou que ata o de agora o verdadeiro alcalde de Cangas foi Rafael Louzán, xa que as obras que se levaron a cabo foron as que a Louzán lle deu a gana, co axuda dun brazo executor chamado Nardo Faro Lagoa. O candidato de ACE á alcaldía de Cangas manifestou que o próximo alcalde de Cangas debe ser elexido polo pobo para gobernar e traballar co pobo.


Neste acto tamén estiveron presentes outros membros da candidatura como Tania Castro e Estela Pazos. Tania Castro destacou que “Cangas ten que deixar de ser unha carga para @s seus veciñ@s e ser o motor económico que precisamos para saír desta crise”. Pola súa banda, Estela Pazos manifestou que ACE conta cun equipo preparado para gobernar Cangas, e que as primeiras actuacións de ACE se alcanza o apoio necesario, serán as baixadas de impostos e a revisión do contrato da auga.