Charla c@s veciñ@s de Hío

As parroquias foron as grandes esquecidas do goberno do PP
ACE aposta pola creación de Consellos Parroquiais

Varios membros da candidatura de ACE mantiveron este venres unha xuntanza c@s veciñ@s de Hío co fin de coñecer as necesidades e carencias da parroquia. Alternativa Canguesa de Esquerdas manifestou nesta xuntanza que as parroquias, e sobre todo a do Hío, foron as grandes esquecidas nestes últimos catro anos de goberno do PP.

Aurora Prieto, veciña de Hío e candidata de ACE destacou que esta parroquia carece das infraestructuras básicas, xa que "aquí aínda hai veciñ@s que non contan con abastecemento de auga nin saneamento". A este respecto, o candidato á alcaldía, Xosé Manuel Pazos manifestou que o actual goberno do PP asinou un contrato con Aqualia, a través do que "recibiu 800.000 euros, que deberían utilizarse para sufragar esas deficiencias, e polo momento iso non está a suceder".

Outra das carencias máis importantes que teñen parroquias como as do Hío son os problemas de mobilidade, carecen de beirarrúas na maioría das estradas e camiños, e non teñen liñas de transporte público regulares para poder desplazarse, nin a Cangas, nin a ningunha das outras parroquias. 


O candidato á alcaldía de ACE, Xosé Manuel Pazos, tamén puxo de manifesto nesta xuntanza a situación de agravio que están a vivir @s veciñ@s do Hío en relación á construcción do Centro de Saúde. O Concello mercou terreos para construir esta obra, terreos que cedeu ás institucións encargadas de executar as obras, e agora desbota esta opción, e pretende utilizar outro edificio veciñal como é a Casa do Médico para este fin, cando os veciñ@s reclaman que esta infraestructura se adique a Centro Social.

Pazos insiste na idea de que o PP non dialoga c@s veciñ@s nin coñece realmente as súas prioridades. Para solventar esta situación ACE aposta pola creación de Consellos Parroquiais, onde si estean representados os veciños das parroquias, e que sirvan de vía de diálogo entre as partes, xa que ninguén mellor que os propios veciños de cada parroquia coñecen cales son as actuacións máis urxentes que se teñen que acometer, fomentando así o diálogo entre tódolos axentes sociais do Concello

Andrés G. Bastón, membro da candidatura de ACE, tamén destacou o gran potencial medioambiental sen aproveitar que ten a parroquia do Hío, un potencial que se debe utilizar para fomentar o turismo nesta zona, enfocándoo como unha actividade de creación de emprego, organizando actividades ao longo de todo o ano.