Mariano Abalo Costa: "A división da esquerda é poñer unha alfombra vermella á dereita, unha irresponsabilidade"

M. Abalo polas rúas de Cangas

Entrevista a Mariano Abalo  (nº2 da candidatura de ACE ás eleccións municipais do vindeiro 24 de maio de 2015) 

"Dentro ou fóra da política, de 1 ou de 21, o importante é que o pobo de Cangas ten que saber que sempre vai contar comigo"



- Como se explica iso de que vostede vaia no segundo posto da lista de ACE e Xosé Manuel Pazos no primeiro? É consciente de que foi unha sorpresa?

Antes tocoume estar en primeira liña, pero os cangueses deben de estar completamente seguros de que a responsabilidade que eu asumín ante o pobo foi absoluta. Na medida en que non había unha substitución con garantías tocoume xogar ese papel, pero na medida que ACE está consolidado hai que deixar claro que non ten porqué eternizarse esta situación e entendo que Xosé Manuel Pazos é un candidato que desde a súa mentalidade de unidade, pode garantir que, de forma compartida, ACE continúe e sexa a alternativa de esquerdas que quere Cangas.

- En que fase entra agora ACE, cando parecía que estaba destinada a dirixir o destino de Cangas?

Creo que de forma decisiva e inevitable hai que camiñar cara a unha fronte ampla e popular, onde se garanta que a unidade das esquerdas sexa o obxectivo principal, para desta forma conseguir non só o goberno municipal, senón demostrar tamén á cidadanía que temos capacidade de gobernar con eficacia.

- Hai un certo receo a que os políticos que estiveron sempre na trinchera, por así dicilo, sexan capacesde gobernar

Afortunadamente aquí en Cangas témolo demostrado. Son dos que opina que si un non ten capacidade e decisión para gobernar é mellor que se quede na casa. Nós demostramos capacidade de xestión en varias ocasións. Creo que a alternativa que defendo ten capacidade dabondo para gobernar e, sobre todo, acreditar que sempre imos estar á beira dos máis desfavorecidos.

-Ese paso que dá vostede de ir de número dous está relacionado coa súa maior involucración na política galega?

Ten dúas vertentes. A primeira que ACE, hoxe en día, ten capacidade para gobernar de forma colexiada, xa non depende dunha persoa concreta. Pero tamén é certo que non podo entender que o noso pobo teña que camiñar só. Respetando que temos que decidir nós en Cangas, tamén é evidente que nós formamos parte de Galicia. Ou Conseguimos que o noso pobo sexa respectado por si mesmo e goberne para a maioría social ou tampouco se vai a ningún lado. Por iso ACE tivo un respaldo tan grande tanto en Cangas como en Galicia.

- E que se espera en Cangas?

Nestas eleccións danse unhas condicións inmellorables para que a esquerda poida gobernar en Cangas. ACE apoiou o manifesto de xente como Euloxio López ou Pepe Chimé na idea que antes comentabamos. Hai que abrir unha especie de fronte popular onde se garanta que a esquerda unida poida cambiar as cousas. Non debemos descartar a ninguén no proceso, por exemplo ao BNG. Entendemos que non se debe abandonar ese camiño e consideramos que ou se dan eses pasos de unidade de todos os partidos de esquerda ou desde logo o único que se consegue, con posicións contrarias, é poñer unha alfombra vermella á dereita para gobernar e iso paréceme unha irresponsabilidade moi grave.

- O conflito aberto en Anova en Cangas ten solución?

Pode ter solución a condición de que se entenda o que acabo de dicir. Ou se une a esquerda ou pola contra é traballar para o PP e para a dereita en xeral. Polo tanto é un problema de madurez política e de entender que non se pode experimentar unha serie de procesos que o único que leva iso é a destruír as posibilidades de que Cangas estea gobernada dende a esquerda.

- Pero como se entende iso de que naza un partido dentro doutro?

É unha boa pregunta. Entendo que calquera grupo de persoas poida configurar un partido, é un dereito democrático imprescindible. Pero só pode nacer cun criterio: unir as forzas de esquerdas e non dividilas.

- Aquí pasa o contrario.

Si, pero bueno, os que traballamos en favor dos intereses do pobo de Cangas sempre imos estar abertos a que se estea á altura da circunstancia.

- Asemblea pola Unidade quedouse fóra.

Nós esperabamos que estivese á altura das circunstancias. O que temos que deixar claro é que non podiamos favorecer unha guerra de cotas de representación, isto pode levar a que se degrade a vida municipal. Hai que estar nos cargos de representación ao servizo do pobo.

- Logo de 32 anos como cabeza de lista está máis aliviado agora, ou non?

Un pouco de cada. Si son sincero, pois si. Evidentemente a responsabilidade de ter opción de asumir unha alcaldía ten que facerse baixo un exercicio de responsabilidade absoluta. É unha descarga de responsabilidade. Pero sexa dentro ou fóra da política, no número 1 ou en 21, o importante é que o pobo de Cangas ten que saber que sempre vai contar comigo.


Fonte: FdeV
24.04.2015