ACE presenta a súa candidatura para “loitar polo presente e o futuro de Cangas”

A formación presentou onte no salón de plenos do Concello a lista coa que aspira a gobernar Cangas. Xosé Manuel Pazos será o líder da mesma e Mariano Abalo acompañarano como número dous.
Onte o salón de plenos do Concello de Cangas encheuse para recibir o acto de presentación da candidatura de Alternativa Canguesa de Esquerdas para as vindeiras eleccións municipais. Ana Isabel Portela foi a encargada de dar a coñecer os nomes dos homes e mulleres que integran a lista. Trátase, segundo dixo, de persoas “sinxelas, dignas e preparadas”. As propostas de ACE, que se presentará as eleccións baixo a plataforma SON,  céntranse en traballar por un Concello “igualitario e xusto, no que se leven a cabo verdadeiras políticas de esquerda”.
Xosé Manuel Pazos e Mariano Abalo estarán acompañados no número 3 de candidatura pola propia Ana Isabel Portela. O estudante Andrés García Bastón ocupa o seguinte posto da candidatura, no número 5 atópase a arquitecta Tania Castro, no seguinte chanzo atópase o bombeiro Adrián Pena, acompáñano como número 7 a traballadora sociosanitaria María Aurora Prieto, no seguinte posto está a xornalista María Estela Pazos, o número 9 ocúpano a administrativa Leticia Mariño, o músico José Bermúdez é o seguinte na lista, seguido pola licenciada en Belas Artes Tamara Ruibal, no número 12 está o traballador mediambiental Ricardo Martínez, ségueno a profesional da hostalería Silvia Álvarez, o posto 14 acúpano a activista social Concepción Pazo, seguida polo actualmente desempregado Francisco Freire Jalda, o número 16 ocúpao Lucía Carballo, o músico Manuel Amable Rodríguez está no seguinte chanzo, o posto 18 pertence á traballadora social Carmen Gil, no 19 está o delineante Xurxo Xoan González, o penúltimo posto da candidatura ocúpao José Chapela e pecha a lista o mariñeiro xubilado Manuel Ruibal.
No acto de presentación da lista de ACE estivo presente o líder de Marea de Vigo, Rubén Pérez, que interviu para destacar a importancia “dos votos de Cangas para derrubar ao Partido Popular. O proceso é colectivo, estamos ante unha ruptura e apelamos á unidade dos veciños e veciñas de Cangas”. Á presentación da lista de ACE tampouco faltou o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, o que fora presidente da Real Academia Galega, falou de Cangas como “un exemplo. Cando Cangas se une acaba coa opresión, coa ignominia. Contra o poder do capitalismo que explota homes e mulleres ata destruílos so cabe unha actitude, a unidade popular, non hai outra”.