O traballo nos coidados centra a xornada organizada pola Rede Igualdade da ACE

A xornada reivindicativa convocada pola Rede Igualdade da Alternativa Canguesa de Esquerdas na véspera do Día das Mulleres Traballadoras contou coa presenza de Aurora Prieto, Maruchi Álvarez e Yolanda Díaz. O noso voceiro, Xosé Manuel Pazos fixo as presentacións pertinentes.

Primeiramente pasouse un video documental sobre a situación das mulleres emigrantes traballadoras do fogar onde se deu un repaso completo a nivel de estado con datos estatísticos, laborais e socio-familiares destas persoas. Na reportaxe quedou patente que a revitalización do capital incide ocasionando unha crise social e, sobre todo, nunha profunda crise de coidados.  


Na rolda de intervencións a primeira en tomar a palabra foi Aurora Prieto, concelleira na Xestora que presidira Mariano Abalo hai 25 anos, dirixe dende hai 15 a Asociación de Mulleres do Hío que leva desenvolto multitude de accións pra contribuír notablemente a que as mulleres no rural recibisen a consideración que merecen. A Presidenta de Escola Vella do Hío coordinou numerosos labores sociais como cursos de formación pra erradicar o analfabetismo, a implantación das novas teconoloxías a disposición das mulleres e toda clase innovacións que propicien a igualdade entre as persoas sen ningún tipo de diferenciación. A militante da ACE lembrou que hai certos sectores que lle teñen medo ó asociacionismo, sobre todo se é de mulleres.

Maruchi Álvarez, sindicalista e concelleira da ACE, aproveitou a súa quenda de fala pra informar de que tratara de falar con traballadoras do fogar residentes en Cangas que non se atreverían a expor o seu caso en público debido ó desamparo legal, á situación de irregularidade e polo medo a represalias por parte da patronal. A nosa representante trasladou que máis de medio millón de traballadoras do fogar están nestes momentos en situación de irregularidade e pasando por grandes dificultades. Cómpre sinalar que o Estado Español é o territorio de Europa con máis traballadoras do fogar exercendo de forma ilegal. Tamén se achegou o dato de que o salario medio dunha traballadora interina está en 450 euros ó mes tendo que afrontar unhas xornadas laborais sen límite. Pra rematar a súa intervención lembrou que están a funcionar de forma nefasta tanto a Inspección de Traballo como a xustiza para atender as innúmeras demandas das mulleres que atravesan por este tipo de situacións.

Yolanda Díaz, Coordenadora Xeral de EU e voceira de AGE no parlamento galego, falou do capitalismo e da súa incidencia na crise dos coidados como se deixou patente ó longo da sesión. Referiuse ós debates que se viñeron dando dentro do ámbito do feminismo dende a década de 1970 a propósito de qué facer co traballo doméstico. Nese sentido, gual que a nosa concelleira, manifestouse contraria ás relacións desiguais entre a "señora da casa" e a "criada". A deputada, nada en barrio obreiro na cidade de Ferrol, trouxo a colación o tema dos recortes como os que afectaron coa Lei de Dependencia que considerou un ataque brutal contra as mulleres pois fomenta aínda máis a división sexual do traballo.


Ante o público asistente, Díaz exixiu unha rede pública de benestar que garanta a saúde da xente sen recursos que teñen ó seu coidado persoas dependentes que multiplican o seu traballo. Asemade, manifestou que as tarefas do coidado non son das mulleres, senón que é traballo a repartir cos homes. A avogada especialista en legalidade urbanística, que se achegara  a Massó durante o conflito do porto deportivo, insistiu en que cómpre pór en valor o acordo da OIT pra que cada traballadora do fogar poda reclamar os seus dereitos. Pola contra, o Partido Popular recortou neste período nas normas que se publicaran no Estado Español no 2011.

Yolanda Díaz achegou o impactante dato de que de legalizar os datos económicos do traballo adicado ós coidados, estes ocuparían o 26% do PIB. Unha folga no ámbito doméstico deixando de facer estes labores paralizarían un país enteiro, esnafraría a economía e visibilizaría, como ningunha outra, esta interminábel problemática.

Para rematar apelouse á organización das mulleres pra exercer como un suxeito real que sexa quen de tecer redes de empoderamento. Solicitou traballarmos pra acadar políticas públicas de calidade como o levantamento de escolas infantís que abran as 24 horas do día, como en Suecia, ademais doutras posibilidades pra minimizar o impacto dos coidados sobre o traballo feminino como poderían ser centros públicos pra persoas maiores e centros de día.

Pra finalizar o acto, logo das preguntas e comentarios do público asistente, o voceiro da Alternativa Canguesa de Esquerdas aproveitou pra facer unha chamada a acudir mañá 8 de marzo á manifestación nacional no día das Mulleres Traballadoras que este ano, pra unificar, terá lugar só en Compostela.