Novo abuso inadmisíbel do Partido Popular

Xa o Grupo Municipal da ACE denunciou no seu día, cando se aprobou a Ordenanza para o Ciclo da Auga e a concesión á empresa adxudicataria deses servizos, que os recibos por abastecemento, saneamento e depuración ían ter unha suba media de máis dun cen por cen a respecto dos anteriores. Desde a Alcaldía e a Concellería de Facenda cualificóusenos como mentireiros e demagogos, cando non con adxectivos de máis groso calado.

Pero a verdade, por teimuda, acaba impoñéndose sempre, e este mes, cando empezan a chegar os recibos ás vivendas, os cangueses e canguesas empezan a ser conscientes de quen dicía a verdade e de quen mentía con descaro, decatándose de que, efectivamente, as contías dos recibos de dous meses son claramente máis altas do que antes se pagaba por tres meses, situándose o incremento en arredor do 115%, como xa a ACE manifestara no seu día e como denunciou tamén, no seu día, unha asociación veciñal preocupada polo tema. É evidente que, a estas alturas, hai unha grande indignación popular por unha suba (outra) ás agachadas, con nocturnidade e aleivosía.

As tres concellerías da ACE reunidas antes dunha sesión plenaria.
Estas actitudes pouco claras e enganosas (os grupos de goberno nunca non recoñeceron tales subas) que gravan brutalmente a economía doméstica da nosa cidadanía, non son de ningunha maneira de recibo e cómpre pórlle fin en beneficio da mesma, que é o que nos debera mover a todas as persoas que, nesta Corporación, representamos ao pobo de Cangas.

Por outra banda, o proceso de elaboración e aprobación do “padrón” para o cobro das taxas do ciclo da auga, está pragado de irregularidades, pois nin foi aprobado por órgano ningún competente, nin comunicado oficialmente, nin publicado para posibles reclamacións, nin nomeadas as persoas e/ou departamentos da Institución Municipal encargadas de custodialo e manexar os seus datos, velando pola súa privacidade; é dicir, na realidade, elaborouse a través dun transvase dunhas empresas privadas a outras sen ter o tratamento legal que require.

Polas razóns expostas anteriormente e defendendo un xeito de goberno a prol das clases populares e non dos beneficios de empresas privadas, é polo que presentamos á consideración e aprobación do Pleno os seguintes puntos:

1.- Suspender o cobro dos recibos correspondentes ao Ciclo da auga e iniciar, de acordo coa lexislación vixente, a tramitación do “padrón municipal” relativo a eses servizos.

2.-Solicitar un estudo xurídico encamiñado ao rescate da concesión, nulidade do acordo asinado pola alcaldía e municipalización dos servizos correspondentes ao abastecemento de augas, saneamento e depuración no noso Municipio.

3.- Que, mentres non se tomen as medidas pertinentes, se retrotraia o prezo dos recibos a anos anteriores, procurando as axudas necesarias doutras administracións se fose preciso.