O goberno PP-Faro Lagoa escenifica unha antroidada en Cangas

Non se pode calificar doutra maneira a prohibición de celebrar actos do entroido á Asociación de comerciantes do Casco Vello de Cangas no Eirado do Sinal. A ACE, a través do voceiro Xosé Manuel Pazos enviou aos medios esta nota de prensa. Faro Lagoa saca outra vez a relucir as súas fobias contra a dinamización do comercio e, cal «sheriff» do vello oeste, gábase publicamente de tal prohibición como se ese espazo PÚBLICO fose del, e faino con alevosía, ao anuncialo con pouco tempo de antelación.
Pero máis grave aínda é a actitude de Sotelo, que en vez de como alcalde, actúa de refén do «concelleiro solitario», respaldando a súa actitude de suspender uns actos que -colmo do sinsentido- están recollidos na programación oficial do Concello de Cangas que, teoricamente, el dirixe. Sotelo dálle a enésima bofetada ao concelleiro de Cultura, Gestido, mais desta vez na cara dos comerciantes do Casco Vello, que son vítimas alleas do seu «duelo ao sol».

Cangas non precisa episodios caciquís nin pactos da dereita por conveniencia.
O mal esperpento continúa ao meter polo medio -como excusa da prohibición- os actos que organiza a Asociación Aspamsim, pois que estamos seguros de que son compatibles e de que as dúas Asociacións serían capaces de compatibilizar os seus programas sen problema ningún. Burda manipulación e utilización dun colectivo por non ser capaces eles -a parella responsable- de daren a cara e explicarlle á cidadanía o verdadeiro motivo: A xenreira do «sheriff» Faro Lagoa a todos os comerciantes que non lle comen na man e a covardía de Sotelo para enfrontarse a el (ao mellor por medo a necesitalo despois de maio).
A entroidada do goberno conta con máis protagonistas, por suposto: O xa citado «sheriff» Faro, o «xuiz da forca» Sotelo e a «comparsa dos Caladiños» formada polos concelleiros e concelleiras do PP.
«Cangas, cidade sen Lei» era o lema dun entroido anterior da Asociación Cangas Vella que o goberno agora recupera para si mesmo. De vergoña.