O colectivo de ambulantes do Aterrado logra paralizar o traslado do mercado


1.- O colectivo de ambulantes evita o traslado dos seus postos de venda 2.- Moción da ACE pra solicitar a conxelación da carga impositiva pra o próximo exercicio 2015
3.- Violencia machista  4.- Condonación da débeda das comunidades de montes  5.- Oposición á aplicación do TTCI
 
1.- O colectivo de ambulantes evita o traslado dos seus postos de venda

A pesar da tentativa decidida do goberno de Sotelo, despois dunha rolda intensa de intervencións e dunha candente presión popular, o colectivo de persoas que se dedican ó comercio no Aterrado conseguiu na sesión plenaria deste 31 de outubro de 2014 suspender o proceso de traslado dos seus postos da Alameda Vella ó entorno deOxea.

Despois dun receso duns minutos que ordenou o alcalde, logo de vivirse momentos de forte protesta e descontento veciñal cun pleno ateigado, o Partido Popular accedeu a se reunir nos vindeiros días coa xente afectada e cos grupos da oposición. As persoas representantes do grupo afectado cargou especialmente contra Sotelo, a quen cualificaron de “caudillo”, e a concelleira Berta Pérez a quen acusaron de mentir descaradamente e de ser a causante da problemática e do malestar xerado.

 
Entrarían no xuntoiro acordado pra os vindeiros díastódolos colectivos de comerciantes sen excepción. Asemade, aproveitaríase un período de dúas ou tres semanas que durarían as obras de remodelación da Alameda Vella, polo que si habería un traslado aínda que só por ese breve período e en tanto non se chegue a un acordo satisfactorio pra as partes.

O colectivo de comerciantes ambulantes e a propia Alternativa Canguesa de Esquerdas consideran sen ningunha clase de dúbida que un cambio de localización destas características afectaría notabelmente dende o punto de vista económico, non só a este sector, senón a outros comerciantes do casco urbano e que, segundo indicou o propio Pazos, son favorábeis ó persoal da venda ambulante nun 80%, polo menos, por non falar da propia Praza de Abastos onde tamén se estiman importantes perdas de se consumar o traslado definitivo como propón o goberno local.

As nosas concellerías lamentaron que o goberno non evitase un sorteo pra os postos tan pouco transparente como o que levou a cabo o equipo de Sotelo. E denunciamos, a través do noso voceiro, que non se abrise ningunha vía pra o diálogo coa xente afectada e, menos aínda, que non se chegase a ningún tipo de consenso. Resulta incomprensíbel a torpeza nesta forma de actuar a non ser que planee na sombra a man mafiosa dalgún colectivo paralelo afín ó goberno que mire perigar dalgún xeito os seus intereses.E pola covardía de non enfrontarse estaba a pagar as consecuencias este colectivo traballador.

Ademais da cuestión das obras na alameda histórica de Cangas, que como xa dixemos non durarían moito, o Partido Popular alegaba os inconvenientes con Portos, institucións que controla esta zona. Hai que lembrar que hai un ano, concretamente nunha moción do 13 de setembro de 2013, ACE xa solicitou nunha moción a desafección deses terreos. Pero a realidade é que a día de hoxe non hai un informe xurídico nin se xestionou encontro algún coa autoridade competente. A pesar desta circunstancia que non podemos pasar por alto, o Sotelo e o seu partido alegan que o devandito traslado dos postos é por mor do canón que lle hai que pagar a Portos pola ocupación.

Xosé Manuel Pazos, a pesar da ineptitude dos responsábeis do seu partido, sinalou a Sotolo como máximo responsábel por non ser quen de resolver a situación e non dar recuperado un solo que non ten actividade portuaria de ningún tipo. Circunstancia que fai máis inverosímil o que está a acontecer. A recuperación afectaría, amais de a Alameda Vella, a área dos locais de hostalaría circundantes ou o parque infantil (preto da estación de autobuses) de cuxa limpeza se encarga, ademais, o Concello de Cangas e non Portos.

O voceiro da ACE engadiu que o problema é máis profundo que o aspecto económico (estamos a falar de case 80 familias que se verían afectadas, por non contar a dos colectivos que os apoian, dentro e fóra da Praza, que tamén verían diminuídos os seus ingresos) pois estamos a falar dunha falla absoluta de comportamento democrático. Despois de tres lexislaturas, o alcalde Sotelo semella non se dar conta de que gobernar non é mandar nin provocar a veciñanza, como aconteceu na sesión de onte buscando o desaloxo das persoas pra evitar unha resolución satisfactoria pra a maioría afectada.

Finalmente, a presión popular e o apoio da oposición paralizou o traslado e entrarase nas vías da negociación e ACE, co visto e prace do comercio ambulante, retirou a moción aínda que persistimos en tódolos puntos demandados e esiximos que se leven a cabo na súa integridade canto antes:

1)      Mentres non se solucione o conflito que se paralice o sorteo e o traslado.

2)      Darlle trámite a moción da ACE, presentada en 2013, relativa á desafección dos terreos de Portos que non teñen actividade portuaria pra non seguir pagando o canon a esta institución.

3)      O goberno debe entregar a documentación relativa ó mercado como a listaxe de postos de venda legalizados, xa que os non se corresponden cos que hai agora.

4)      Os tres puntos anteriores deben completarse cun compromiso do alcalde pra que o conflito se solucione con diálogo.

 
2.- Moción da ACE pra solicitar a conxelación da carga impositiva pra o próximo exercicio 2015

Lembremos que hai tres semanas ACE fixo unha denuncia pública pola inxustificábel suba do IBI e convoca unha asemblea veciñal informativa causando a reacción do Partido Popular pois ós recibos chegan ás mans da veciñanza e non é posíbel enganala. Do 2012 ó 2013 é o PP do Estado Español no goberno que sube un 50% a contribución. Neste 2014 incrementouse un 12% o valor catastral. Estamos ante un 70% con respecto ó 2011.

Ademais, no BOE aparece Cangas como unha das localidades solicitantes pra levar a cabo outra subida no 2015 que sería do 2015. ACE solicitou a paralización da carga impositiva e da suba do 12% porque consideramos que crise, tal como a que padecen os concellos, deben facerse responsábeis dela quen a provocou e non a sociedade damnificada. Pazos desafiou o goberno declarar publicamente que non ía subir o IBI o vindeiro ano.

Mariano Abalo, polo seu lado, nunha moción posterior do goberno relativa á regulación do IBI pediu a comparecencia da interventora pra aclarar o tipo mínimo que se pode aplicar pra a suba do imposto xa que a suba dos valores catastrais que aprobou o Ministro Montoro non hai quen os soporte.

 
3.- Violencia machista

No tocante á moción presentada pola oposición relativa á aplicación e urxente desenvolvemento dun artigo da lei contra a violencia de xéneroMaruchi Álvarez salientou que, ante a proximidade do día contra esta violencia, esta inxustiza prodúcese todo o ano e en todo momento. Estamos, certamente, ante unha cuestión difícil de atacar e de complicada solución. E mentres se sigan a efectuar os recortes nos sectores sociais máis sensíbeis non se avanzará tampouco na problemática que require dun investimento sen escatimar en medios e en recursos pra a reeducación.

A proba duns recortes mal encamiñados é a que se está a vivir co inexistente centro de saúde pra O Hío-Aldán que sen dúbida afecta tamén ás mulleres, ó mundo do coidado e da calidade de vida da nosa veciñanza en xeral. Do mesmo modo que recortar as axudas sociais necesarias pra sobrevivir tamén é violencia.

4.- Condonación da débeda das comunidades de montes

Mariano Abalo interveu en nome da ACE pra reivindicar que a nosa agrupación apoiará sen miramentos a mobilización nacional que se levará a cabo o 22 de novembro en Compostela pra solicitar a condonación das débedas dos montes consorciados e conveniados. Recordemos que mesmo se lle están a esixir débedas de procedencia franquista. Á marxe deste despropósito, o noso representante insistiu en que ó pobo galego, por esta e outras inxustizas, o que lle toca é ocupar o parlamento galego pola esquerda.

5.- Oposición á aplicación do TTCI

Mariano Abalo aproveitou a presentación desta moción pra dar o apoio da ACE e resaltar, ademais, que a soberanía nacional vai ser vulnerada sendo transferido, máis ca nunca, o poder ás multinacionaise quedando as pequenas economías en serio risco de desaparición. Abalo denunciou, asemade, a potenciación da entrada en escena dos produtos transxénicos co risco que este elemento carrexa pra a saúde e pra o medio, o establecemento dunha medicina sen control e a expansión universal do libre comercio e do narcotráfico. ACE quixo engadir un punto a maiores a esta moción que nos parece vital: a realización dun referendo pra que a sociedade galega decida estar en contra ou a favor dun tratado comercial e económico desta envergadura que deixa as nosas potencialidades autóctonas tocadas e depauperadas.