Cangas e o Morrazo estarán no Obradoiro o 29N

Cangas e os colectivos sociais da Terra de Morrazo estarán o 29N ocupando o Obradoiro en Compostela logo dunha multitudinaria mobilización reclamando Pan, Traballo e teito con persoas e multitude de agrupacións e movementos socias vindos de tódalas partes do país. O tren, o autopús, a bicicleta, o coche, a moto, a pé ou o cabalo serán os medios empregados polas distintas columnas pra achegarse ese día á capital da nosa nación pra converxer co pobo compostelán e enviar unha nítida mensaxe anti-capitalista ó sistema e ó goberno do Partido Popular.

Despois das manifestacións preparatorias que desenvolveron as Marchas da Dignidade o pasado 6 de novembro nas cidades galegas está case todo listo pra esta xornada histórica que se corresponderá co que fagan unha infinidade de columnas noutras nacións e territorios do Estado Español.

Colabora coa organización das Marchas da Dignidade mercando as rifas a 50 céntimas ou unhas vistosas camisolas a tan só 5 euriños. Se o tes a ben podes difundir este video promocional da convocatoria que conta cunha participación nacional e multisectorial. Ninguén pode faltar.


Recorda que nestes días que quedan segue habendo traballo pra socializar o 29N e pódeste pasar cando queiras, de mañán ou tarde, a botar unha man na sede do sindicato CUT na rúa da Fonte Ferreira.

Se a túa opción pra o 29N é o autobús e vives no Morrazo, ten conta desta información pois o billete de ida e volta sáeche só en 6 euros reservando praza chamando ó número 986 392003 ou pásate pola CUT aquí en Cangas. Atende ós horarios deste transporte nas distintas localidades da comarca.

Sairán ás 9 da mañá dos seguintes lugares:
MOAÑA. De fronte do Concello.
CANGAS. Estación de Autobuses.
BUEU. Parada do Cerqueiro. (Fronte o Gadis).
SEIXO Caixa de Aforros
MARÍN. A Farola.

Pero se a túa predilección é camiñar atende a este cartel e ponte a andar:


O 29N EU VOU!