ACE solicitará en pleno a paralización inmediata da carga impositiva pra o 2015

O pasado día 10 de outubro convocamos unha asemblea informativa pra tratar coa veciñanza a suba dos impostos na que asistiron as nosas concellerías e persoal técnico cualificado. Un dos compromisos acadados coa xente nese xuntoiro foi que emprenderíamos accións institucionais contra o goberno pois a actitude do goberno e do alcalde Sotelo resulta, a todas luces, abusiva. Nós por aí non imos pasar e non permitiremos outra merma na cualidade de vida das nosas familias xa bastante afectadas pola dramática situación económica.

A veciñanza cangueira veu sufrindo, nos últimos tres anos, un aumento da carga impositiva en xeral moi importante, agravada nomeadamente pola desmesurada suba do IBI. Así, nos dous anos anteriores, e por decisión do goberno do Estado, este imposto viuse incrementado nun 50% pola suba do tipo impositivo e neste ano no que andamos, nun 12% máis que afectou ó valor catastral, por petición expresa do goberno local. A maiores, a día de hoxe, Cangas figura no BOE dentro dunha listaxe de Concellos que solicitaron outra suba similar para o próximo exercicio 2015.

Asemblea informativa do pasado 10 de outubro.

A presión fiscal faise cada vez máis difícil de aturar para unha gran parte da poboación, sobre todo nunha época como a actual, cunha crise económica aguda e co emprego, o comercio e a totalidade da actividade económica, e mesmo os salarios, en niveis moi baixos.

É preciso, pois, que dende o Concello se tomen medidas ben claras para mitigar esta carga, polo que propoñemos ó Pleno a aprobación dos seguintes acordos e a adopción das medidas pertinentes para facelos efectivos:

1º O Pleno do Concello de Cangas acorda conxelar a carga impositiva da súa veciñanza (impostos, taxas e prezos públicos) para o próximo exercicio 2015.

2º O Pleno do Concello de Cangas insta ao goberno local a negociar, coa institución competente do Ministerio de Facenda, a saída de Cangas desa listaxe de Concellos que aparecen no BOE como solicitantes dunha suba do IBI para o próximo ano 2015, e polo tanto que quede sen efecto a devandita solicitude de aumento do imposto.