Massó 10 anos despois

En agosto de 2004, o Partido Popular de Sotelo aprobaba en pleno, coa colaboración do grupo socialista, o PXOM onde se recollían os famosos convenios urbanísticos de Massó e Aldán que logo a mobilización popular se encargaría de botar abaixo. Un atinado discurso de tres cuartos de hora de duración lanzado dende as filas da oposición por Mariano Abalo desenmascarando o pelotazo, e unha veciñanza escaldada, racharon a multitudinaria sesión de forma abrupta, dando lugar, a partir dese momento, a un longo proceso de confrontación veciñal pra esmagar a especulación e a desidía política por diversos motivos que salpicaría a practicamente tódolos grupos políticos con representación e a, cando menos, dous gobernos municipais.

A tentativa especuladora de Marina Atlántica (promovida por Caixanova, agora Abanca), subvertendo a legalidade con ese carácter mafioso tan propio das entidades escurantistas, continuou coa connivencia da dereita española, primeiro, e do Bloque e do PSOE despois. Non podemos nin debemos esquecer as responsabilidades políticas arredor da construción do frustrado porto deportivo. Sen esa baza na municipalidade a empresa non chegaría a onde chegou, que por fortuna non foi moi lonxe grazas  á perseverancia do colectivo mariñeiro e de quen o tivo a ben axudar congregándose en torno ó Foro Social. E agora segue sendo fulcral pra nós a declaración de BIC do patrimonio industrial conserveiro e que se garanta a súa conservación canto antes. Esa é a principal función xunto coa expropiación. Non sería desexábel unha situación na que o deterioro irreparábel das instalacións avivase a cobiza de novas marcas inmobiliarias e dos acaudalados poderes financeiros que teñen detrás.
 
No pleno do pasado venres 26 de setembro, dez anos despois, escenificouse ante un público de nada máis que cinco persoas que agora todo o mundo está pola recuperación de Massó para o pobo de Cangas e que non se vai tocar un centímetro da lámina de auga nin dos recursos pesqueiros. Tódolas agrupacións sen excepción parecen telo claro aínda que prefiran non mirar moito atrás por se acaso. O alcalde insiste alá por onde vai en que aprendeu a lección ó tempo que proxecta con fachenda un gran paseo de seis kilómetros dende a Praia do Solano (Alemáns) ata Liméns. A Autoridade Portuaria manda acondicionar Massó e a maquinaria regresa ó lugar con outras intencións. Non é que  vendan fume. É só que xa entramos en campaña.