As mobilizacións unitarias continúan

Despois do deter as concentracións dos venres durante dúas ou tres semanas debido ás festas locais e pra non perturbar o goce da veciñanza cangueira, os colectivos que se veñen manifestando dende hai máis de 2 anos diante da casa do concello retoman a loita este venres 19 de setembro a partir das 20:00 horas pra partir a seguir nunha marcha reivindicativa polas rúas da nosa vila. E así continuaremos  coa nosa militancia e as nosas tres concellerías tódalas semanas ata conseguir a sensibilización de tódalas capas populares. Aproveitamos pra dar aviso tamén do pleno que terá lugar o 26 de setembro onde se debatirá sobre o futuro de Massó. Cómprelle a este pobo estar unido pra que non se trate de hipotecar novamente o futuro de Cangas.

Gustaríanos aproveitar igualmente pra recordar a convocatoria da gran mobilización nacional que terá lugar o 29 de novembro en Compostela e que acabará na Praza do Obradoiro onde a Columna Galega das Marchas da Dignidade espera congregar a milleiros de persoas. Ímonos seguir a nos comprometer tamén con ese proxecto pois, do mesmo modo que pensamos a nivel comarcal, consideramos que este sistema non serve e hai que buscarlle unha saída digna a toda esta situación calamitosa. Sempre fóra do capitalismo, obviamente.

Estamos nun proceso de axitación onde non podemos allearnos do contexto internacional cunha Escocia e unha Catalunya cada vez máis perto da súa emancipación. Apoiamos o dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro e reclamamos ese mesmo dereito de libre determinación tamén pró pobo galego.

Denunciamos o colaboracionismo do Reino de España e da UE coa masacre en Palestina e o apoio sistemático á Xunta de Kiev que está causando o asasinato de civís a mans dos nazi-fascistas en Ucraína. En ámbolos dous casos consideramos abosolutamente lexítima a resistencia da poboación civil, a solidariedade internacionalista e a actividade das milicias populares.

En todo caso, a loita segue contra o capital e os venres, e este 19 de setembro en particular  que a CUT retoma as concentracións, agardámosvos pra seguir a vindicar o dereito a unha vida digna e a fin da casta monárquica, así como unha solución aceptábel pra o colectivo de emigrantes no estranxeiro, o preferentista e outros estafados, a xente parada e dende logo contra os recortes en Sanidade e Educación.

Un saúdo republicán e nacional-popular!