Do Morrazo a arrodear o parlamento

A Columna Galega das Marchas da Dignidade aparece con forza logo de se constituír nacionalmente e xusto tres meses despois de contribuír a asolagar cualitativa e cuantitativamente as rúas de Madrid o pasado 22M. Paralelamente coas mobilizacións que tamén van ter lugar ese día nas outras nacións e territorios do Estado, a plataforma chama agora ó pobo galego a secundar unha iniciativa simbólica, pero tamén de grandes repercusións na praxe, que vai consistir en arrodear en manifestación o parlamento galego o vindeiro sábado 21 de xuño.

A Alternativa Canguesa de Esquerdas participa no colectivo Morrazo en Loita, reagrupamento comarcal de organizacións de clase e de movementos sociais, que, respondendo ó espírito dinamizador co que foi concibido, debe e vai estar en Compostela na mobilización que cerque esta institución. É no parlamento onde se decide todo o relativo ós nosos dereitos básicos e que tan ben sintetiza o lema das Marchas da Dignidade no seu traxecto de loita crecente nas rúas: Pan, Traballo e Teito.

Deste modo, a nosa aposta aglutinadora na comarca atopa un esperanzador espazo de expansión de proporcións antes descoñecidas onde poder proxectarse  e transcender a bisbarra do Morrazo pra converxer con outros sectores e correntes sociais doutros lugares e da máis diversa índole aínda que padezan, da mesma forma ca nós, as penurias ocasionadas polas contradicións do capitalismo.


Nós cremos que o camiño é continuar a persuadir as clases populares e, sobre todo, ós milleiros de persoas que peor o están a pasar por culpa da política de recortes que impón a ditadura financeira. A fame está aquí nuns comedores sociais a rebordar e xa non é unha intellecia, como se dicía. Tampouco o son as familias sen vivenda e as desorbitadas taxas de desemprego. Por tanto, seguiremos a insistir na resposta social unitaria que se vén dando dende hai dous anos sacando xente á rúa tódolos venres e mesmo con convocatorias esporádicas maiores tanto en Cangas, coma en Moaña ou Bueu en solidariedade co colectivo de emigrantes no estranxeiro.

Sen a vía unitaria e a aposta decidida pola continuidade sería case impensábel a manifestación de arredor de dez mil persoas polas rúas de Cangas na última folga xeral. Imposíbel sen a unidade popular e a mobilización permanente. Exactamente a mesma filosofía que practican as Marchas da Dignidade. E aínda hai outra coincidencia máis que conecta e blinda de vez esta extraordinaria simbiose: o republicanismo.