ACE solicita un plebiscito pra que o pobo elimine a monarquía

Manifestación republicana en Cangas no día en que El-Rei abdicou.

A extraordinaria importancia dos feitos acontecidos nestas últimas semanas culminou co anuncio da abdicación do rei e, ó noso parecer, mostra unha necesidade perentoria de propiciar un novo camiño que favoreza a rexeneración política no Estado Español.

Temos o convencemento de que tal abdicación é unha consecuencia directa da deterioración profunda da coroa e da decadencia dun sistema que foi soporte da monarquía.

Na chamada “Transición política” foille imposto ó pobo un sistema monárquico que ninguén votou directamente, senón que veu herdado do Franquismo, en aras a salvagardar o paso dunha ditadura a unha democracia. Os momentos eran outros, certo, pero non pode haber sistema democrático cando a xefatura do Estado e a representación do mesmo se pode herdar como se fose unha leira que pasa de proxenitores a fillos e a opinión dos pobos non conta para nada.

Por iso, coidamos que son chegados os tempos de que o pobo galego e  os demais pobos do Estado manifesten directamente a súa opinión sobre o sistema político que queremos, sen prexuízo de que cada pobo poida decidir tamén sobre o seu destino. A abdicación de Juan Carlos de Borbón bríndalles un momento de ouro a eses “demócratas” que teñen hoxe a responsabilidade de gobernar, para coñecer directamente a opinión da xente á que representan e non tentar suplantala. Que demócrata lle pode ter medo á voz do pobo?

Por tanto, a ACE levará a pleno a seguinte proposta de acordo:

O Pleno do Concello de Cangas insta ó Goberno do Estado Español a convocar a celebración dun referendo no que a cidadanía se manifeste libremente sobre o modelo de Estado no senso de decidir entre Monarquía ou República.

A moción xa foi rexistrada o pasado 12 de xuño na casa do Concello polo noso voceiro Xosé Manuel Pazos.