Cangas xunta medio milleiro de persoas no mitin da AGE

Segundo informaban hoxe mesmo medios como El Correo Gallego, arredor de medio milleiro de persoas asistiron onte ó Auditorio Municipal en apoio da candidatura de Lidia Senra pra as eleccións europeas. 


Éxito rotundo, por tanto, do mitin de AGE no que participaron os nosos concelleiros nun edificio que se foi enchendo de xente ó ritmo da música tradicional e entre pancartas de feitura artesanal coa silueta de Castelao pedindo o voto pra a candidatura de Lidia Senra. Xosé Manuel Beiras e Yolanda Diaz Perez fixeron senllas intervencións arrincando os aplausos da veciñanza cangueira.


Xosé Manuel Pazos agradeceu a asistencia masiva ó mitin nun día terribelmente soleado e coa concorrencia esa mesma mañán de dúas actividades populares deportivas de forte relevancia en Cangas de Morrazo (ciclismo e balonmán) e que arrastran, sen dúbida, a familias enteiras (felizmente) pola tradición fortemente implantada destas actividades que se dá no noso municipio.

Mariano Abalo foi o encargado de presentar as persoas intervintes e advertiu que a Fronte Ampla veu pra quedarse e segue sendo a responsabilidade doutros que non contribúan a agrandala pra rematarmos canto antes co auxe do fascismo en Europa e coa peor das ditaduras, a do capital.

Maruchi Álvarez, a histórica sindicalista e a outra concelleira nosa, non interviu pero quixo estar presente neste acto pedindo a colaboración na campaña e o voto pra Lidia Senra, a alternativa das clases populares.