As Marchas da Dignidade volven ter un papel protagónico o 1 de maio


A manifestación da tarde en Cangas de Morrazo daba continuidade a unha xeira de mobilización encetada á mañán de onte 1 de maio nas principais urbes galegas. Baixo o lema de "Pan, traballo e teito", presimas fundamentais das Marchas, recollendo todo o sentir popular, desenvolveuse a manifestación promovida pola CUT, como é habitual nos últimso anos, pero desta volta potenciada polas restantes agrupacións que conforman as Marchas da Dignidade en Galicia que no pasado 22 de marzo tomaron Madrid xunto cos movementos sociais e coas demais forzas antisistémicas do Estado Español.

Lembremos que a Columna Galega que levara a preto de 4,000 persoas a Madrid tivo hai uns días unha Asemblea Nacional en Teo na que máis dunha treintena de organizacións e colectivos do país acordaron dunha forma decidida continuar a fortalecer o fenómeno das Marchas na nosa nación, do mesmo feito que se está a facer nas restantes que conforman o Estado.

Deste xeito, na Asemblea Nacional resolveuse optar por tres medidas fundamentais no camiño de derrubar o podre sistema político e económico, nomeadamente o europeo e español, coa programación dunha serie de mobilizacións. A primeira tivo lugar o pasado día 30 de abril e consistía na concentración diante das principais oficinas do INEM de Galicia. A actividade levouse a cabo con éxito e houbo que soportar coma sempre a presenza policial. O seguinte paso vai ser rodear o parlamento galego o vindeiro 21 de xuño en consonancia co que se vai facer noutras partes do Estado ese mesmo día. Por último coa data referencial do 22 de novembro, pero que non ten por que ser definitiva, acordouse tamén convocar unha gran mobilización nacional na capital do país, Compostela, pra acabar enchendo a mesma Praza do Obradoiro.

O fenómeno das Marchas é imparábel e onte demostrouse nas urbes galegas e en Cangas onde case dous milleiros de persoas percorreron as nosas rúas pedindo o elemental pra esta sociedade daminificada pero sobre todo a unidade de acción. A unidade popular e o traballo nese sentido na rúa é a alternativa que nos pode salvar da ferocidade capitalista que se está a traducir en atrocidades como os recortes nos servizos básicos ou en taxas de desemprego históricas en Galicia como as que vén de publicar a prensa estes días.

Non vai ser responsabilidade da xente que estamos pola vía da acumulación de forzas que outras organizacións hexemónicas sigan a teimar en camiñar ó seu aire, facendo aparicións testemuñais e desatendendo por completo o que na rúa é xa un clamor: UNIDADE, UNIDADE, UNIDADE.

Así o expresou onte un dos voceiros das Marchas en Galicia, Xosé Carlos Costoya, do Sindicato Ferroviario e que fora introducido polas intervencións da actriz cangueira Mónica Camaño e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, o escritor e activista independentista Anxo Angueira. O Secretario Xeral da CUT, Manolo Camaño fixo un chamado a responder participando nas actividades programadas polas Marchas da Dignidade e a seguir mobilizándonos tódolos venres, agora a partir das 9 da tardiña, dende a casa do Concello de Cangas, como se vén facendo de forma ininterrompida dende hai dous anos.

Movímonos, movémonos e seguiremos a nos mover. Hai que botar abaixo este sistema que é unha vergonza e indigno pra calquera ser humano. Polo tanto dende a ACE, que onte despregou a boa parte da súa militancia e concellerías nas manifestacións de Vigo e Cangas, solicitamos á nosa veciñanza o apoio veciñal a estas convocatorias e as que se vaian sucedendo.

Avante.