A unidade popular é o único camiño

A Alternativa Canguesa de Esquerdas saúda o éxito da gran convocatoria unitaria que acadaron as Marchas da Dignidade o pasado 22 de marzo en Madrid que o goberno aínda está a tratar de criminalizar. Pola coñecida filosofía política que vén mantendo a nosa coalición, entenderase que apostemos por unha alternativa tan ambiciosa que, sobre todo, recolle o sentir popular de todas aquelas persoas e sectores afectados pola violencia física, política e económica que vén exercendo o capitalismo nos últimos tempos.

O noso país participou na multitudinaria manifestación que desbordou a capital española coa activación dunha ben nutrida Columna Nacional Galega que, paralelamente ó que se continúe a facer a nivel do Estado, vai continuar engrandecendo as Marchas e implementando máis mobilizacións en Galicia pois a rebeldía que esixe o momento de emerxencia histórica non pode ser testemuñal nin unha pose pra a galería. Nun momento onde o pobo, como nunca antes, remexe nos contedores, queda sen vivenda e perde dunha forma progresiva os dereitos á sanidade, á educación e ó traballo digno, a mobilización pola vía unitaria ten que continuar ata racharmos co sistema e implantar unha nova orde social que contemple, tamén, unha saída democrática pra as nacións sen estado. 

A seguir ofrecémosvos unha restra de videos relativos ó 22M pero, primeiramente, achegamos un documento videográfico da última folga xeral na que, dende a Terra de Morrazo, se pedía a unión dos sectores populares pra derrocar tanta inxustiza. Recordemos a mobilización permanente, cada venres, que esta comarca vén realizando dende hai dous anos. Animámosvos a participar nestas manifestacións locais e a seguir apoiando e fornecendo as Marchas pra que continúe este proxecto popular de loita anti-capitalista.