ACE alerta o pobo da abusiva suba dos impostos

Este 31 de outubro celebrouse un pleno de vital importancia pró pobo de Cangas. Ofrecémosvos aquí a crónica con documentos en audio da nosa concelleira e dos nosos concelleiros. Aconsellámo-lo uso de cascos pra poder oír ben as intervencións de Maruchi Álvarez, Xosé Manuel Pazos e Mariano Abalo. Unha sesión na que a última hora, no punto 11, cando se abordaba a cuestión da aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora da limpeza viaria e ornato público, a e os nosos representantes optaron por se ausentar en sinal de protesta polo goberno tratar temas de tanta importancia tan tarde e cando case non había veciñanza. Tamén faltaba por trata-la proposta do goberno pra que se aprobase, inicialmente, o anteproxecto de explotación do ciclo da auga. Entendemos que non é de recibo o menosprezo á nosa veciñanza e que non se teña en conta a participación popular na vida política municipal.




1.- ACE alerta o pobo da abusiva suba dos impostos

Ante a suba dun 1.5% das taxas do lixo e do 1.7% a taxa por depuración de augas residuais, o noso voceiro, Xosé Manuel Pazos, denunciou estes incrementos nestes tempos de carestía e nos que non soben, pola contra, os salarios da clase traballadora. Tamén lle recordou ó goberno que o Partido Popular, na lexislatura anterior, votaba sistematicamente en contra de calquera suba nas taxas sen darse, aínda, o que hoxe se coñece como "crise". E se o que se quere é recaudar, aínda que non sexa moito, que se retire a concellería exclusiva que teñen e a secretaria pariticular do alcalde e que se deixe de apreta-la veciñanza. O PP apela á sostibilidade municipal pero o  certo é que nunca combateron a lei de financiamento das facendas locais nin tampouco se foi contra que se pretenda acabar cos concellos dende o goberno central tirándolles cartos e competencias.
Pazos deixou claro que o que se está a perpetrar é un roubo ó pobo cun incremento en 2´5 euros mensuais, a maiores do recibo do lixo, presupoñendo a cada persoa veciña como un individuo contaminante. Isto fan uns 27 euros anuais por cada recibo de cada persoa veciña de Cangas. Pola contra, os bares e cafeterías pagarán 1´5 (urbanas) e 1´4 (rurais) e as gasolineiras soamente o dobre do que se lle soben ás vivendas.
 
Mariano Abalo reclamou aforrar con políticas de reciclaxe máis intelixentes que a mera suba do imposto e por non falar xa do malgasto, práctica común deste goberno. Incidiu en que resultaba sintomático que o concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Graña, non intervira no pleno nin co problema do lixo nin con esta da contaminación. Efectivamente, quen si falou non foi outro que o responsábel de Finanzas, Pío Millán. Abalo tamén acusou o Partido Popular, nas figuras dos ministros Cristóbal Montoro e Luis de Deguindos, xa que están levando a que a vida nos fogares do Estado Español sexa  unhas situación disparatada e inasumíbel pra ninguén. A oposición tense que comprometer, e a ACE así o fai público, a retirar esta ordenanza así que teña ocasión ó tocar goberno.





2.- Maruchi Álvarez:"O PP vén de dar un paso máis pra elimina-la Mancomunidade"

Moi relacionada coa anterior moción, Maruchi Álvarez manifestou o seu malestar pola xa consumada proposta de revogación da delegación da competenci​a en materia de tratamento​s de residuos sólidos realizada en favor da Mancomunid​ade. Por se non abondase coa privatización do servizo, o goberno defende que sexa só o concello quen xestione nesta materia con Sogama. Nós cremos na mancomunidade e, por certo, con máis servizos dos que agora ten. Débese, por tanto, rescatalo servizo do lixo e facelo mancomunado. Os nosos concellos poden levar este propósito a cabo que pra iso contamos cunha planta na Portela que se pode pór a andar. Fai falta ter vontade e tomar decisións. Como non vai ir avante é, precisamente, actuando pra enriquecer unha empresa particular.
Maruchi Álvarez expresou que estamos de acordo cos plans de pago que se asumiron pra aboa-las débedas con Sogama porque se non os concellos non serían quen de facelo. Pero volven se-las veciñas e veciños os que teñen que pagar (como se pode comprobar na anterior moción) a través dos concellos. Asemade, atoparíamonos cunha dificultade terríbel pra saber canto ten que aboar cada parte porque nos residuos mistúrase todo. É a propia empresa a que incumpre os procedementos de reciclaxe. Incluse se mete o que se recolle no Punto Limpo e ata mesmo se manda do que se recolle da limpeza dos xardíns (xa denunciado innúmeras veces por este partido) e vai todo pra Sogama pra ser queimado. E estase a pagar unha cantidade enorme porque non se fai a xestión adecuada. Por tanto non estraña que o recibo non saia moi económico. O propio alcalde, que o Presidente da Manconmunidade, tería moito que explicar xa que é o máximo responsábel desa xestión.

 



3.- Abalo insiste na ilegadidade da edificación da Regueira
 
No momento de trata-la nosa moción pra declarar e aproba-la caducidade da licenza da deostada edificación da Regueira, Mariano Abalo falou da gravidade evidente desta infracción urbanística e que ademais incumpre outra serie de requisitos que deberan facilitar que o concello, perfectamente, tome a decisión de aprobar a nulidade desa licenza. Cónstanos que na Xunta de Goberno Local se fixeron xestións nese sentido e parécenos importante que este pleno municipal respalde este tipo de actuacións. Tamén pedimos que se acompañen os expedientes de protección e de restauración da legalidade urbanística. Mariano Abalo entende que non están pechados e, xa que logo, tampouco deben quedar en "papel mollado". Pensamos que, do mesmo xeito que moita da nosa veciñanza, con sancións moitísimo menos graves, son amoestados sen miramentos, non é entendíbel que, neste caso, cunha infracción dunha envergadura evidente, se mire pra outro lado. Por outra banda, Abalo incidiu firmemente en que non se debe concede-la licenza de primeira ocupación, se se presentase por parte dos promotores, porque hai recursos pendentes en marcha e mentres estes non se resolvan non procedería outorgar esa licenza.
Nun momento do debate, Abalo recordoulle a Soliño, o responsábel de Urbanimo, e a todo o seu partido, que a licenza fora outorgada en setembro do 2006 estando no poder daquela o Partido Popular. E o que non é admisíbel é que o equipo de Sotelo non resolvan os recursos que están presentados e se manteñan situacións de aberrante ilegalidade como a que presenta o devandito edificio. Abalo aproveitou tamén a súa intervención neste asunto pra pedir que, se non se lle devolveu o aval á empresa, o que cómpre é obrigar á empresa a recupera-lo lavadoiro que alí está arestora en pésimas condicións. O noso concelleiro tampuco perdeu a ocasión pra lembrar que nesa zona de actuación hai terreos municipais inventariados que foron usurpados sen o concello percibir ningún tipo de compensación. Este feito xa convirte a actuación en absolutamente ilegal. Non se entende, por tanto, que o goberno local non actúe.
Finalmente non se aproba a moción debido ós votos en contra do PP e de Nardo Faro Lagoa.
 




4.- Sotelo e o seu goberno desatenden as necesidades da xente afectada polo copago
 
Tampouco houbo moita sorte cunha outra proposta que houbo dende as filas da oposición pra que o concello se fixese cargo dos copagos nos casos de necesidade extrema, sobre todo na situacion daquelas persoas que necesitan especialmente o medicamento. Pazos pediu solidariedade e servizos públicos ós que o pobo ten dereito. O copago dos medicamentos é un paso máis do desmantelamento dos servizos destinados ás capas populares. Temendo o voto en contra do equipo de Sotelo, esixiulles, ademais, que se pronunciasen sobre a medida aprobada polo seu partido en Madrid. Demandoulles valor nese sentido e que votasen a favor da moción xa que a cuestión afecta tamén a cuestións municipais como se está a ver na creación de diferentes plataformas locais pra que se manifesten en contra desta medida que vai tan en contra da vontade popular.
Foi nese punto cando, ante as protestas do público asistente, o alcalde ordenou expulsar do salón de plenos a un veciño molesto coa actitude do Partido Popular e do seu alcalde. Este, movido pola presión, optou por se comprometer soamente de palabra a que ningunha veciña ou veciño quedará sen medicamentos por problemas ecónomicos.  Con todo, detectamos falsidade nas súas palabras xa que  foi incapaz de votar a favor da proposta. A típica actuación dun goberno que non lle importan as capas popuares senón que se move por intereses electorais ou partidistas.