A AGE saúda a sentenza do Tribunal de Estrasburgo a prol dos dereitos humanos


 
A Alternativa Galega de Esqueda (AGE), que apoia plenamente a nosa agrupación local, vén de ofrecer unha rolda de prensa ante os medios de comunicación felicitándose pola decisión do tribunal europeo de tumba-la Doutrina Parot. Malia que o Estado, é vémolo nos media a diario, está a tratar de enguedella-lo asunto do colectivo de presas e presos políticos cos casos de notorios criminais comúns que cumpriron menos anos de condea dos que lles correspondía e obviando ós Galindos  e outros elementos paramilitares da súa especie, o voceiro da AGE, Xosé Manuel Beiras, acompañado da vicevoceira, Yolanda Díaz, saíu o paso pra denunciar sen miramentos a condición de España como "un estado de excepción" no continente debido ás medidas antidemocráticas que está a tomar contra o común da xente e pola súa deriva represiva perfectamente ensamblada e sendo continuista coa etapa franquista. Repárese tamén nas fortes sancións contra membras e membros de colectivos sociais como a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, como se non tivesen dabondo co seu drama levando mesmo a cabo esta xente actos de suicidio, ou o ataque continuado contra o sindicalismo de clase (LAB, SAT, etc.) que están a ser acometidos con fortísimas sancións e mesmo con penas de cárcere prás súas e seus integrantes.
 
Dende a ACE queremos reivindicar tamén a excarcelación do colectivo de presas e presos políticos que cumpriran as súas condeas e a aproximación daquelas presidiarias e presidiarios, de condición política ou non, pra que paguen as contas pendentes coa xustiza en cárceres próximas ós seus fogares como se contempla na Declaración dos Dereitos Humanos da ONU. Lembramos que a AGE xa saira á palestra hai uns meses denunciando a represión contra a mocidade galega que está a ser envolveita co manto ficticio do "terrorismo galego". Por outro lado, considerámo-la negociación política en pé de igualdade e con honestidade como a mellor ferramenta pra supera-lo conflito aberto por España en Euskal Herria. Esiximos, nese sentido, que o Estado dea dunha vez pasos en positivo e deixe de torpedea-lo proceso que é claramente unha demanda necesaria pra a convivencia e un clamor social.
 
O panorama é gris, ben seguro. Pero pode tornarse negro se non nos mobilizamos. A unión da esquerda e a mobilización permanente vai se-la única forma de acabar con este, efectivamente, "Estado de excepción".