Saen adiante as nosas propostas de expropiar Massó e de recupera-los terreos de Portos

Mariano Abalo conseguiu no pleno de onte 13 de setembro a unanimidade da corporación municipal de Cangas pra inicia-los trámites pra a expropiación de Massó. O noso concelleiro insistiu en que a proposta estaba aberta a enmendas. Abalo, sendo concelleiro de Urbanismo, xa asegurara 500.000 euros pra este fin. Ó final conseguiuse a unanimidade a través das correspondentes modificacións consensuadas entre toda a corporación municipal. A iniciativa resultante consiste en elaborar un informe xurídico e económico pra expropia-los terreos á construtora e a tódalas entidades relacionadas co proxecto especulativo que mantivo en tensión social ó pobo de Cangas hai algún tempo. E, como apuntou Xosé Manuel Pazos, o cambio de clasificación deste solo quedou como plan B. Isto é, no caso de que non se poda expropiar, proceder a cambia-lo sistema de desenvolvemento ben sexa no PXOM ou a través das Normas Subsidiarias.
 
 
 
Asemade, o noso voceiro, X.M. Pazos acadou tamén a unanimidade pra que o Concello solicite a reversión dos terreos arestora en mans de Portos de Galicia. Referímonos a uns espazos desta entidade que non teñen utilización portuaria. Concretamente vai dende a Praza de Abastos ata o dique. A estas alturas, manifestou Pazos, non pode ser normal que uns terreos que mantén o concello e nos que non hai actividade portuaria ningunha estivese en mans de Portos. Esta entidade pasa uns custosos gravames tanto ó Concello (cuestións de arrendamento do solo pra o mercado) como ó colectivo hosteleiro que ten terrazas nesa zona e que pagan o triple que as que están en espazo municipal.