Ferrín: "Nacionalismo árabe e laicismo"

En Siria, Líbano, Palestina, Irak, Exipto viven millóns de árabes cristiáns e cuxos antepasados eran xa cristiáns cando os nosos antepasados galaicos aínda adoraban a Revus, Endovelicus ou Nabia e vivían nos castros, e cando aínda non nacera Mahoma. Por iso o islamismo non é parte constituínte da condición árabe. O islamismo de estado que rexe en Arabia Saudí ou Qatar, e o que se pretende instalar en Siria coa axuda militar norteamericana, odia a cultura árabe e mesmo a persigue. Odia a poesía clásica árabe porque nela se celebra o viño. Non permite qeu se difundan obras como O Colar da Pomba.

 
 
O islamismo de estado descoñece a filosofía de "esquerda aristotélica" de Averroes. As mil e unha noites é unha obra perseguida polo islamismo a pesares de constituir un monumento fundamental da lingua e da cultura árabes. Para a barbarie clerical musulmana, os relatos de Sherezada son prexudiciais para os crentes porque neles a relixión non existe máis que nas invocacións rituais que encabezan as frases. Os norteamericanos, que se pretenden defensores universais das liberdades, queren que en todo o mundo árabe se establezan réximes islámicos do tipo saudita e qatarita nos que unha caste dominante goberna despoticamente sen que neses países estea vixente ningún dos dereitos do home e do cidadán que proclamou a súa revolución, a Revolución Francesa e que pretenderon actualizar as Nacións Unidas. Lembremos que os EEUU que din defender os dereitos humanos (digamos na Cuba que non é Guantánamo) protexeron a ditadura de Franco e prolongaron a opresión en España. Por esta e outras razóns eu defendo o goberno de esquerda nacionalista, laicista e panárabe de Siria e condeno a contrarrevolución que alí está en marcha e á espera da agresión militar aberta dos EEUU.



[Publicado por Méndez Ferrín na sección do Faro de Vigo "No Fondo dos Espellos" o sábado de setembro de 2013.]