A ACE apoia o pobo e o goberno lexítimo de Siria



Unha vez máis os Estados Unidos e os seus aliados europeos da OTAN, encabezados polos gobernos británico e francés, eríxense en xuíces mundiais quebrantando toda a legalidade internacional.
Unha vez máis os medios de comunicación emprenden unha dura campaña con acusacións que recordan ás mentiras ou medias verdades de invasións e bombardeos de outros países e pobos sometidos a conflitos sanguentos artificialmente provocados, de difícil solución, e cuxa intervención imperialista só fixo enquistar e imposibilitar aínda máis ditos conflitos. Lembremos Iraq, Afganistán, Libia e un longo etcétera que indica claramente que o obxectivo final das intervencións militares non é outro que a defensa dos intereses políticos e económicos xeoestratéxicos das potencias imperialistas e os seus aliados na rexión, fundamentalmente Israel e Arabia Saudita.
Queren atacar Siria cando existen outros Estados que están a traballar por un saída política ao conflito interno, onde o pobo sirio é o principal prexudicado da espiral de violencia e terrorismo integrista inducido desde o exterior. Falan de bombardear Siria xusto agora que existe un comisionado de observadores de Nacións Unidas que está a traballar nese país, onde a información dispoñíbel non é nin obxectiva nin fiábel, e aínda menos a que nos chega a Europa onde os nosos gobernos están claramente aliñados cos intereses imperialistas.
Os pobos de Europa debemos denunciar unha nova agresión imperialista dos nosos gobernos contra un pobo soberano. Os galegos e as galegas debemos saír ás rúas para denunciarmos unha nova agresión militar, que de seguro provocará máis sangue e máis sufrimento a un pobo canso dun longo conflito que só se pode solucionar a través do uso de ferramentas políticas con base na legalidade internacional e na Carta das Nacións Unidas, e no respecto á independencia e soberanía do pobo sirio.
 
Non ás guerras imperialistas!