Pazos solicita a desafectación de espazo en mans de Portos de Galicia sen uso portuario

A estas alturas, coa evolución que o casco urbano de Cangas e o noso termo municipal mantiveron ó longo das últimas décadas, non parece moi racional que Entidades Públicas como Portos de Galicia manteñan unha caste de “dominio” sobre parte do noso territorio, cando por enriba non está suxeito a ningún tipo de actividade portuaria nin marítima que puidese xustificalo.
 
 

A este Grupo Municipal cónstalle que en diferentes épocas e por diferentes gobernos locais se barallou a posibilidade de solicitar da Entidade nomeada a “desafectación” de terreos concretos en diversas partes, fundamentalmente do noso entramado urbano. Pero a realidade segue a ser a que é e Portos de Galicia mantén a día de hoxe, como terreo baixo o seu “dominio” e xestión, toda unha franxa urbana, por exemplo, que vai dende a praza de abastos cara ó límite da vila, ocupando o chamado “aterrado” e parte da Alameda Vella de Soaxe ou a Avenida de Montero Ríos, dándose o caso de que lle cobra un aluguer ó propio Concello pola instalación dos mercados ambulantes dos martes e venres (cando é a Institución Municipal a que corre co gasto da limpeza e servizos), ou que cobra directamente o canon sobre a instalación de terrazas (ben máis caro que o municipal), das que tamén o Concello corre cos gastos de limpeza e servizos. Portos de Galicia, polo tanto, constitúese neses casos en simple entidade recadatoria, en terreos concretos que en realidade nin xestiona nin mantén pois que non teñen actividade portuaria nin marítima ningunha.
Dende a ACE consideramos que esta situación non se debe seguir a manter, e polo tanto, a través do noso voceiro X.M. Pazos, presentamos ó Pleno, para o seu debate e aprobación, se procede, o seguinte punto de acordo:
-          O Concello de Cangas solicitará e xestionará diante da Xunta de Galicia a desafectación de tódolos terreos situados entre a praza de abastos e o dique de abrigo, que non teñen uso portuario nin marítimo en xeral; é dicir, toda a zona da Alameda Vella de Soaxe (aterrado) e a súa fronte marítima e toda a marxe dereita (en dirección Cangas-Darbo) da avenida de Montero Ríos.