O Morrazo en Loita sae a rúa en Moaña o 17 de agosto


Estamos a menos dun ano de se cumpri-lo vixésimo quinto aniversario dunha das rebelións populares máis lembradas. O conflito cangueiro que tivo o seu apoxeo o 1 de xuño de 1989 onde foron ducias as persoas feridas pola represión policial. Felizmente, o pobo gañou esa batalla e foi posíbel grazas a unha constante traxectoria de mobilización diaria e a unidade da esquerda que quixo tomar parte.

Antes e despois do conflito referido, a Terra de Morrazo coñeceu outros momentos de convulsión social nos que o o noso pobo se viu na obriga de responder. Hai unha tónica nos municipios que integran esta comarca, e tamén na bisbarra de toda da ría, tendente ó asociacionismo aparellada ó valioso costume de emprende-la mobilización e a auto-organización en canto xorde unha problemática social.

No momento actual de precariedade e de violencia capitalista non cabe senón mobilizarse de forma planificada pra derrubar este marasmo de destrución que nos vén imposto. Polo tanto non sorprende que, dende hai máis dun ano, haxa concentracións e marchas semanais de forma ininterrompida en Cangas secundadas polas agrupacións cívicas máis activas da comarca. Estas entenden que a mobilización permanente é unha obriga fronte ó desastre social que está a provoca-la estafa do capital dentro do contexto dun réxime insalubre, putrefacto e corrompido ata a cúspide como é o borbónico.

Pra conmemora-lo ano de mobilizacións e en apoio dos pensionistas no estranxeiro, fundamentalmente, o pasado 20 de xullo tivo lugar nesta vila unha concorrida manifestación de miles de persoas encabezada por estes xubilados. A manifestación percorreu as principais rúas con berros de rexeitamento contra a familia real e contra o capitalismo.

O vindeiro 17 de agosto vai se-la quenda de Moaña pois entendemos dende a Terra de Morrazo que a mobilización ten que ser permanente e extensiva a outras partes do país. Nas nosas analíticas non escapa, e así o reclamamos cada venres, a necesidade dunha e de máis folgas xerais.

Sairemos á rúa o vindeiro 17 de agosto. E terán que vir máis mobilizacións na comarca e en todo o país. A contestación social ten que medrar e tense que multiplicar. O Vietnam e os moitos Vietnam que aconsellaba o Che Guevara. O que sobran son motivos.