Morrazo en Loita leva a 4000 persoas á rúa en Moaña

O pasado 17 de agosto a vila de Moaña viviu unha importante xornada de reivindicación nas súas rúas grazas á convocatoria e ó chamado emitido dende o colectivo Morrazo en Loita. Este reagrupamento que engloba a diversos colectivos prexudicados e sensibilizados coa problemática económica e social que golpea as capas populares nos últimos tempos, logrou xuntar a arredor de 4.000 persoas nun día soleado de verán e coincidindo con diversas actividades de carácter festivo na comarca e no país. Malia que ía cargada dunha compoñente anti-sistémica, e así o constataron os cánticos e as pancartas contra o bipartidismo, o sistema financeiro e a Coroa, a marcha contou co apoio de tódolos grandes partidos. Tamén se deixaron ver persoeiros importantes do nacionalismo e da esquerda como Martiño Noriega, Xosé Manuel Pazos, Mariano Abalo, Xosé Manuel Millán, Maruchi Álvarez, o irmán de Beiras, Ferrín ou o parlamentario Antón Sánchez.



A manifestación de Moaña encádrase no aniversario das mobilizacións permanentes que cada venres sen excepción leva a cabo Morrazo en Loita na vila de Cangas e que xa contara cunha manifestación de proporcións similares o pasado 20 de xullo na capital da comarca.

O colectivo de pensionistas no estranxeiro e o de afectados polas participacións preferentes e subordinadas de NovaGalicia Banco foron os encargados de encabeza-la marcha dado que están a ter un papel preponderante á hora de levar a cabo estas reivindicacións. No que parecen coincidir moitas opinións en Galicia é que a Terra de Morrazo estase a converter nun referente nacional no tocante á actividade insurreccional e contestataria cos poderes políticos e económicos. Esta actitude crecente está a crear unha vaga social envolvente que mesmo obriga os partidos clásicos a tomar parte nas mobilizacións como se puido ver claramente no caso de Moaña.

O remata-la marcha veu a quenda das intervencións diante da casa do concello desta vila. Os encargados de toma-la palabra foron, por un lado, o actor moañeiro Salvador del Río que deu a coñece-lo manifesto e lembrou o difícil futuro que lle agarda á xuventude debido ás altas taxas de desemprego e ó desmantelamento dos servizos públicos. A seguir interviñeron Humberto Gestido polo colectivo preferentista, Francisco Álvarez en representación das persoas emigrantes xubiladas, Antonio Nogueira pra lle dar voz á mocidade morracense, Pedro Riol como membro da organización solidaria coas persoas discapacitadas de Aspasim e, por último, o histórico sindicalista da CUT Manolo Camaño.

Todos eles coincidiron na necesidade da continuidade das mobilizacións comarcais e na súa ampliación a outros lugares do país ata teren estas convocatorias un carácter nacional. O tempo dirá se esta angueira se produce. A idea que quixeron deixar clara dende tódolos colectivos e así o manifestaron todos de viva voz é a conveniencia irrenunciábel de unir tódalas loitas. No novo período de devastación dos dereitos e dos beneficios socio-laborais as loitas sectoriais non son a estratexia idónea segundo se ten analizado dende os distintos colectivos que compoñen Morrazo en Loita. Partindo dese convencemento, só a unidade de acción de tódolos sectores sociais da clase traballadora e a mobilización permanente na rúa serían a vía estratéxica máis axeitada pra abri-lo camiño que cuestione o sistema e poder así restituír canto antes todos aqueles avances que se están a esfarelar por mor do agravamento nas agresións do capital.