Mariano Abalo lanza unha proposta pra dinamiza-lo Salgueirón

Ninguén dubida que a incerteza xurídica e legal, cando menos de facto, respecto do futuro do Salgueirón provocou, e aínda provoca, unha parálise absoluta na zona. Pero na medida en que o feito de que a empresa RESIDENCIAL MARINA ATLÁNTICA renunciase á concesión administrativa outorgada pola AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO e fundamentalmente pola sentenza do Tribunal Supremo anulando a autorización, atopámonos cunha nova situación que debe obrigar ao noso Concello a adoptar medidas acordes co momento, promovendo actuacións concretas.
Así, diante da evidencia de que xa non se sostén un proxecto de porto deportivo nin por extensión o convenio urbanístico que  completaba o proxecto promovido pola empresa RMA, compre decidir e abordar os pasos a dar para acometer unha actuación na UA nº 27, para superar o abandono e o deterioro sistemático do patrimonio industrial que ten un gran valor o mesmo que a riqueza medioambiental.
 
Para sermos pragmáticos neste obxectivo, este grupo municipal quere destacar dúas vías que, lonxe de seren antagónicas, poden ser complementarias, se non no tempo, si no espazo.

A primeira sería iniciar un expediente de expropiación amparado na necesaria salvagarda do Patrimonio Industrial (no caso da nave principal xa catalogada e noutros casos por catalogar) ubicado no lugar e polo alto valor ambiental, que xustificarían a necesidade pública e social da intervención municipal.  Haberá, para iso, que poñer en marcha os mecanismos  que permitan que o Concello, coa obrigada participación da Administración Central e da Xunta de Galicia, se impliquen na viabilidade dun proxecto de alto valor para o presente e o futuro de Cangas.

Unha segunda vía de iniciativa radica na que propoñemos que se respalde neste Pleno e concretaríase na decisión de iniciar a tramitación urbanística e administrativa que permita a xestión da UA nº 27 a través do sistema de COOPERACIÓN substituíndo ao de COMPENSACIÓN, de maneira que o Concello poida ser quen de ordenar e xestionar a tramitación urbanística correspondente que permita desenvolver con carácter inmediato esta Unidade de Actuación, sobre todo naqueles espazos nos que o abandono e o conseguinte deterioro é tan acelerado que, de non intervir, pódense perder valores de difícil recuperación, comprometéndose o presente e mais o futuro dun lugar emblemático e decisivo para este Concello.

En consecuencia, este Grupo Municipal proponlle ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes acordos:

1.- Encargar un informe xurídico respecto da viabilidade do inicio dun expediente de expropiación dos bens da empresa “Construcciones del Atlántico”, afecto á UA nº 27.

2.- Aprobar o cambio de figura de xestión da UA nº 27, pasando a tramitarse polo sistema de COOPERACIÓN en vez de COMPENSACIÓN.