A AGE perante a catástrofe ferroviaria de Angrois

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere volver transmitir as súas condolencias, o seu pesar e a súa solidariedade ás familias e ás vítimas do terríbel accidente de tren en Angrois, á entrada de Santiago de Compostela.
 
Ningún consolo abonda nestas circunstancias, sabémolo. E, con todo, a impresionante resposta dos veciños do lugar, das traballadoras e traballadores da sanidade pública que suspenderon libranzas e vacacións para asistiren aos feridos, dos bombeiros que mesmo renunciaron a unha xustísima folga en defensa dos seus dereitos laborais para colaboraren no salvamento de persoas, dos equipos de psicólogos voluntarios e das ducias de empregadas e empregados dos concellos desprazados á aldea compostelá, dos servizos de emerxencia sobrepostos ás carencias de coordinación, dos milleiros de doantes de sangue, debuxan un escenario de dignidade e non resignación. A sociedade civil autoorganizouse para se valer a si mesma no corazón dunha catástrofe. Nin a política reaccionaria que suprime e recorta os seus dereitos nin os erros na dirección dos dispositivos de rescate conseguiron paralizala.
 
Agora é chegado o tempo do esclarecemento do catastrófico accidente, de aclararmos de quen son as responsabilidades políticas e técnicas do tráxico sinistro. AGE rexeita a criminalización do maquinista, a súa conversión en chivo expiatorio, e amosa un respecto absoluto pola presunción da súa inocencia. As investigacións deben chegar ate o final para reducir ao mínimo a posibilidade de que algo así aconteza nunca máis.
 
Alternativa Galega de Esquerda (AGE), pola súa banda, non participou, nin participará, en hipócritas cerimonias espectáculo. Dende o intre mesmo do accidente, minutos antes das nove do serán do pasado 24 de xullo, non quixo apurar a realizar apresuradas avaliacións políticas. Tampouco se prestou a xogos de confusión nin linchamentos. Os membros de AGE estiveron onda os cidadáns, coas vítimas e os seus familiares, e nas concentracións de dó que se sucederon por vilas e cidades galegas.
 
A partir de xa, Alternativa traballará por que o Parlamento de Galicia actúe canto antes. O loito non debe impedir o desenvolvemento dos labores propios da Cámara de representación da cidadanía galega para contribuír a revelar as causas técnicas e responsabilidades políticas do accidente de Angrois. O compromiso de AGE é cos cidadáns do común e cumprirá coas tarefas que por estes lle foron asignadas.