Ou se está coa veciñanza ou coa banca

Tódolos venres dende hai case un ano, veciñas e veciños de Cangas, arredor da CUT, o 15-M e outros colectivos estanse a mobilizar contra os recortes no básico e contra a estafa da crise. A única que está en crise é esta maioría social e iremos a peor porque xa os propios analistas do sistema conclúen que é un camiño sen retorno. Mais iso non nos ten que facer caer no pesimismo senón que ten que se-lo aliciente para responder con máis afouteza e provocar unha auténtica rebelión anti-sistémica.
 
Hai en Cangas dous sectores, entre outros, que padecen fortemente as consecuencias deste vórtice endiañado que nos papa: os Afectados pola Hipoteca e os Preferentistas. Os primeiros, desamparados polo goberno mostran con sentimento en concentracións a súa traxedia e ser son moi dignos, e así os miramos e así reciben todo o noso apoio e solidariedade. Pero a cuestión é que do goberno so reciben palabrería e frases amábeis, máis nada.
Por outro lado, a nosoutros parécenos ben que Sotelo colocase aí a atrás o despacho da Alcaldía cos das Preferentes. Parécenos caralludo que diga presionar a entidade causante e que peche contas. Pero iso non abonda xa dada a situación de centos de veciñas e veciños. É o goberno de Madrid e o da Xunta o que ten que pór fin a esta situación vergonzosa dende tódolos puntos de vista. É un atraco.
Do que non hai dúbida é que o goberno local se debe ás veciñas e veciños de Cangas que para iso votaron e para iso somos todas cangueiras e cangueiros. Débese a esa xente e non ás entidades con intereses particulares. Débese a nós se non se quere ter problemas como cando foi o do PXOM e o porto deportivo de Massó.
As alcaldías do país que manteñen contacto coa veciñanza afectada teñen a obriga moral de dá-la cara por ela ata as últimas consecuencias nesta estafa tan grande. Por tanto, se os gobernos da Xunta e Madrid non interveñen os alcaldes e gobernos locais dese partido deben rachar co seu partido e esixir que se devolva todo o roubado. Eis a mellor presión que podían facer Sotelo e tódalas alcaldías do PP para que se resolvese este problemón.  Se presionan con deixar esa militancia e mesmo a deixan de non se atopar solucións a curto prazo ben seguro que Sotelo tería moitos anos garantida a alcaldía. A nosa veciñanza ía crer firmemente nel. Agora, se a estratexia vai seguir sendo moverse entre dúas augas o único que pode pasar é que os veciños que non recuperaron o roubado queden, como ata agora, a miralas vir. E terán que xurdir outras alternativas como a frontepopulista que nas autonómicas (nacionais nosas) xa lle deron un toque de atención ó PP en Cangas e en todo o país.