Grover Furr en Galicia


O 5 de marzo de 1953 falecía Iosif Vissarionovič Stalin. Xusto sesenta anos despois facíao, por certo, Hugo Chávez Frías cuxa última virtude (despois de pór en marcha a Revolución Bolivariana en Venezuela e logo de facer de Suramérica o continente máis progresista do planeta), a derradeira, foi precisamente finar no mesmo día que o home que mellor podía darlle continuidade ó legado de Lenin e o que fixo dunha sociedade practicamente feudal unha superpotencia política e económica sen a cal non se entenderían moitas das ventaxas da sociedade do benestar que agora o capitalismo salvaxe afervoado teima en nos quitar con toda celeridade. Non sabemos se para morrer matando, como sosteñen algúns, pero si para mostrar a súa verdadeira faciana.

Foron uns cantos os autores de lei que subverteron a enxurrada de manipulación e toda esa grea conquestiana, as campañas anti-comunistas a gran escala en diferentes períodos da historia recente, non en escasas ocasións con colaboración interna, e que foi, de feito, a que máis dano fixo ó movemento. Entre eses autores figuran Ludo Martens, Harpal Brar, Kurt Gossweiler, William B. Bland e, por suposto, Grover Furr, o causante da elaboración deste artigo.

Para quen non o coñeza, Grover Furr é Doutor en Literatura Comparada Medieval pola Universidade de Princeton e, dende 1970, ensina na Universidade de Montclair (New Jersey). Alí é responsábel dos cursos da Guerra do Vietnam e de Literatura de Protesta Social, entre outros. O seus principais eidos de investigación son o marxismo, a historia da URSS e o movemento comunista internacional, así como outros movementos políticos e sociais de toda índole. Pero para nos facer unha idea de quen é este home simplemente diremos que figura recollido no libro Os 100 profesores máis perigosos dos Estados Unidos, un best-seller do macarthista David Horowitz.

Despois de noticias que nos enchen de tanta ledicia como son que este ano sexa Roberto Vidal Bolaño o merecido homenaxeado no Día das Letras e logo tamén da esperanzadora aprobación no parlamento galego por unanimidade da proposta por Iniciativa Legislativa Popular  «Valentín Paz-Andrade» para o aproveitamento no noso país da língua portuguesa e dos vínculos coa lusofonia é de moito agrado que  o amentado profesor norteamericano visite Galicia  a finais deste mes de maio. O propósito da súa estadía na nosa terra é a presentación dun dos seus traballos recentemente traducido á nosa lingua.

As mentiras de Khruschev vai ser ese traballo a presentar, e pensamos que a obra ten un valor histórico considerábel. O “Discurso Secreto” de 1956, considerado o máis influínte do século XX, ciméntase nun carro de acusacións contra Stalin. Miramos, grazas a achegas como as de Furr, que esas acusacións e a práctica totalidade do discurso de Khrushchev non deixan de ser máis ca unha mera fraude da que vai beber todo o mundo, intencionadamente ou non, ó longo das últimas décadas como se fose material científico.

            Humildemente coidamos que neste caso hai que ser igual de firmes como cando nós reivindicámo-la nosa existencia coma pobo. Anselmo López Carreira, demostra e denuncia a historiografía tradicional de acientífica pola súa negación da nación galega e grazas a el, que segue tamén outros vieiros, nós podemos reivindica-la nosa existencia xa no Medievo e na Antigüidade. Denuncia tamén (e velaí a maior fraude da historia) que non se pode soster que unha guerra dure oito séculos como se pretendeu disfraza-la permanencia e a convivencia dos árabes na Península en virtude de xa sabemos que intereses ideolóxicos. E creo que, neste tema,  é de obrigado cumprimento posicionarse con Grover Furr denunciando a maior fraude do século XX e esixirmos que xa basta de distorsiona-los feitos do pasado século dunha forma tan aberrante e contando, ademais, cunha difusión tan masiva. Causa espanto e resultan infames moitas elaboracións e publicacións  ás que temos fácil acceso dende os mesmos escaparates das librarías, nos anuncios de certa bibliografía nos xornais ou o que se vén emitindo en varios documentais  da 2 de TVE ou do Canal de Historia, por pór un caso.

Nosoutros, dende logo, avogamos polo pleno cientifismo na recomposición da historia e non pola súa instrumentalización ó servizo dunha nación sobor de outra, dunha clase sobor de outra ou do home sobor da muller. Nese sentido o ideario marxista pinta e moito á hora de falar do rigor dos estudos historiográficos.

O libro da Edicións Benigno Álvarez, de máis de 400 páxinas, contén 12 capítulos e varios apéndices nos que se desmonta con probas e documentación 60 das 61 infamias emitidas por Khrushchev no XX Congreso do PCUS celebrado nese ano e que resultarían fatais para o movemento comunista internacional.

Primeiro publicouse esta obra en ruso, lingua que Furr domina á perfección e que estudou e mellorou á mantenta e en moi pouco tempo, ademais. O coñecemento desta lingua deulle, claro, unha gran vantaxe sobre outros investigadores non rusos para poder coñecer con exactitude e sen intermediarios as fontes primarias. Logo viría a edición en inglés. Despois en vietnamita e en turco. Por último, en galego que é a que se vai presentar estes días en Galicia. Primeiro tocaralle a Compostela e a Ferrol (22 e 23 de maio respectivamente) da man do colectivo Forxa. Logo será a quenda da Asociación Cultural Bou Eva que acollerá o profesor Furr o día 25 no seu local en Vigo para proceder tamén á presentación e ás sinaturas do libro da pluma do autor.

É de salientar que para esta edición o autor fixo un prólogo específico, o que é importante pois é a nosa a única edición nunha lingua iberorromance que permite achega-los novos descubrimentos sobre a URSS á comunidade lingüística galega e tamén, por suposto, á portuguesa. Non esquezamos que é este un libro que ocupa un lugar prominente entre os círculos académicos rusos que é onde máis avanzada está esta materia. Sabemos ademais que se están a preparar tamén edicións en francés, italiano e hindi.

Diciamos ó principio que son moitas, de gran envergadura e dende diversas frontes as operacións que se viñeron sucedendo para enzoufa-la imaxe do comunismo atacando a Stalin. Lembraba nas súas investigacións o non hai tanto finado, Ludo Martens, que do mesmo acusaban a Lenin cando o xeorxiano aínda vivía.

Hai uns poucos anos, V.Ilyujin, parlamentario comunista na Duma, subiu ó estrado para denuncia-lo falseamento do período que nos ocupa pero xa referíndose a un proxecto de desvirtualización a gran escala creado na época de Boris Yeltsin e que incluía falsificacións do propio selo de Stalin. Como se pode apreciar, a batalla anti-comunista e anti-obreira é constante. Pola nosa parte, simplemente diremos que non se pode falsea-la historia. Non se pode falsear nin permitir que esta se falsee.