O perigoso estado de abandono das obras da piscina municipal

O remate das obras da piscina municipal de Cangas foi unha das promesas estrela do programa electoral do PP nas eleccións municipais de 2011. Mesmo chegaron a poñer un ano de prazo para ter encamiñadas as obras que ían dotar a Cangas da tan necesaria infraestrutura. Na liña dos Rajoy, Feijóo e demais mestres do engano electoral e no camiño dos dous anos de lexislatura municipal, non se coñece avance ningún, mentres a parte xa executada (da que por certo o Sr. Sotelo non pagou nin un euro na súa etapa anterior na alcaldía) se deteriora día a día facendo máis custosa cada vez a súa recuperación.
Desde ACE poñemos en dúbida que o Grupo de goberno se marque como obxectivo o remate das obras e a apertura da piscina, xa que non beneficiarían precisamente os intereses do seu bastón no goberno bipartito, o sr. Faro Lagoa, con intereses coñecidos nunha empresa privada das mesmas características. Puxo o sr. Faro esa condición para apoiar a Sotelo? Se é así que se saiba.

Foto tirada por David Thor.
 Pero con ser grave todo o anterior, máis grave aínda é a situación das obras neste momento. O deterioro das mesmas é evidente, pero ademais supoñen un perigo gravísimo, xa que non contan con medida de seguridade ningunha e no seu interior hai ocos de escaleiras e zonas perigosísimas para a seguridade das persoas sen pechar nin sinalizar, co agravante de que se atopan ao lado das pistas de atletismo onde se adestran menores a cotío, ou que en determinadas ocasións son ocupadas por persoas para practicaren o botellón. De ocorrer un accidente, que mesmo podería ser mortal, de quen sería a responsabilidade? Do Concello, por suposto, e polo tanto do Goberno Municipal.
Apoiamos no seu día ao alcalde cando lle esixiu á empresa propietaria de Massó medidas de seguridade na baleeira e a prohibición de actividades festivas no recinto. Pois ben, ese mesmo alcalde mira para outro lado cando a responsabilidade é da Institución que el dirixe e representa.
Na moción esiximos pois, por unha banda, xestións encamiñadas a desatascar o remate das obras da piscina, negociando coas Administracións que sexa preciso no prazo deste ano para contar coa instalación ao remate da lexislatura; e pola outra, a inmediata adopción de medidas de seguridade para evitar accidentes e desgrazas que poderían ser moi graves e mesmo irreversibles. Medidas que teñen que pasar, cando menos, pola correcta sinalización e valado dos espazos perigosos. A responsabilidade do goberno municipal é evidente. Desde a ACE esiximos que estea á altura da mesma, sen palabrerías baratas nin escusas de mal pagador.