Pregunta de Pazos ó goberno sobre o centro de saúde para O Hío – Aldán

A realidade é o que ten: ás veces pode ser tan crúa que é quen que deixar espidas e en evidencia as promesas e os intereses electoralistas dun só golpe, mesmo as disfrazadas de proxectos máis tanxibles.

Así acontece en Cangas co tan pregoado Centro de Saúde para O Hío – Aldán, que estando presente nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2012 e comprometido segundo a alcaldía (de palabra) o proxecto e a execución do mesmo, desaparece este ano do Proxecto de Orzamentos  presentado pola Xunta no Parlamento para o seu debate e posterior aprobación. E, evidentemente, sen orzamento non vai haber proxecto nin edificio ningún. Que non se pretenda seguir enganando a ninguén.

O Concello de Cangas cumpriu coa súa obriga mercando os terreos primeiro e poñéndoos despois a disposición da Administración Autonómica, mesmo que fose nun proceso dilatado de máis e do que tamén habería moito que falar. Pero esa non é a cuestión. A cuestión é que cos terreos aí non debería haber máis escusas, pero vemos que unha necesidade reclamada longamente pola veciñanza e recoñecida como tal, vese relegada outra vez ao limbo do “papel mollado” agochado en algún escuro caixón da Consellería do ramo.
 
Pazos nas dependencias da ACE na Casa do Concello
Esta Corporación xa tomou acordos unánimes sobre o tema (o último poucas datas antes das recentes eleccións autonómicas) instando á Consellería a poñer sobre a mesa diñeiro e prazos para a  execución da obra. Pois ben, aínda que a conselleira responsable segue a ser a mesma persoa e polo tanto coñece a necesidade e a súa urxencia, non so non resolve senón que apraza indefinidamente a consecución desta infraestrutura indispensable ao eliminar calquera referencia a ela nos orzamentos da súa Consellería. E isto ten un nome: “estafa” política.
 
Diante desta situación, a Alcaldía e o equipo de goberno de Cangas non poden ficar calados como se nada acontecese, e por iso é polo que presentamos perante o Pleno (solicitando a súa inclusión na acta do mesmo) as seguintes preguntas para a súa resposta coa máxima urxencia:

                     Como valoran, a Alcaldía de Cangas e o Goberno Municipal a desaparición de toda referencia e cantidade destinadas ao Centro de Saúde para O Hío – Aldán, no proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2013.

                     Están realmente a Alcaldía e a Xunta de Goberno interesadas na construción desta infraestrutura sanitaria?

 
                    Que medidas e accións pensan tomar o alcalde e o Goberno Municipal diante da situación actual?

* Estas preguntas foron realizadas polo noso voceiro X.M. Pazos no pleno do pasado 11 de xaneiro de 2013 e o Alcalde comprometeuse a nos responder por escrito. Seguiremos a informar.