O PP e Nardo Faro apoian a reforma educativa de Wert

A primeira moción presentada por ACE neste pleno do venres 25 de xaneiro foi para solicitar ó goberno a retirada da lei educativa (LOMCE) aprobada polo goberno central. O noso compañeiro Pazos fixo unha excelente defensa do ensino público, e fixo unha dura crítica a esta lei educativa, tachándoa de retrógrada, sexista, segregadora, antidemocrática, elitista e privatizadora, entre outros adxetivos.

En primeiro lugar, os duros recortes económicos que a lei fai no ámbito educativo merman en moito a calidade docente dos centros. A lei é un retroceso no ambito educativo, que recorda a épocas pasadas, que pensábamos estaban xa superadas, pero non é así. Semella que volvemos ó franquismo. É segregadora pois obriga os alumnos e as alumnas a escoller un itinerario formativo a idades moi temperás. É antidemocrática pois tíralle competencias os consellos escolares, competencias que pasaría a asumi-la figura do director do centro, pero non como director docente dun centro educativo como ata agora, senón como un cargo de xerente á fronte dun "negocio". Dáse a entender unha xestión empresarial da escola, as escolas pasan a ser centros mercantilistas onde forma-la man de obra "uniforme". A lei pretende ser unha carreira de obstáculos para o alumnado, pois prima a competitividade entre o alumnado. Vólvese leva-la relixión ás aulas como materia de obrigada asistencia, elimínanse materias como "Educación para a cidadanía" e instauran clases de cómo ser un emprendedor nun negocio.
Por iso solicitamos: 1- Aumenta-los orzamentos en educación 2- A retirada da LOMCE 3- Que se debata coa comunidade educativa as reformas e 4- Dimisión do ministro Wert.
O BNG apoia esta moción. Como levaban unha moción moi parecida debateuse de seguido tamén a do Bloque, e engadiron soamente que se apoien as mobilizacións da sociedade en defensa da educación.
A postura/resposta do PP foi que a lei é ainda hoxe un anteproxecto e será debatida nos consellos escolares. O mesmo tempo, defenderon a lei porque é necesaria unha reforma educativa, pois España soporta un 30% de fracaso escolar e o desemprego xuvenil é dun 50%.
Pazos respóndelle que a educación non é un tema do goberno central de Madrid, que si é un tema a debater cos consellos escolares, pero tamén é un tema a debater no pleno do concello. Efectivamente é un anteproxecto de lei, polo que é máis doado parala. A calidade educativa si ten que ver cos orzamentos, e esta lei fará que o fracaso escolar se incremente aínda mais. O gasto medio da UE en educación é dun 7%, cun 15% de fracaso escolar; como o gasto en España en educación é dun 3,9% e o fracaso é dun 30%. O fracaso escolar está directamente relacionado co gasto medio en educación.
Que dicir logo do sistema educativo, é o culpable do paro? Non, o paro aumenta polas nefastas reformas laborais levadas a cabo e polas políticas de emprego erradas. Con todo témo-la xuventude máis preparada en anos, están emigrando a outros países do preparados que están!
O goberno formado polo PP e polo tránsfuga Nardo Faro botan abaixo a proposta da Alternativa Canguesa Esquerdas. Seguiremos persistindo.
 
O seguinte punto na orde do día foi a moción do BNG que defendeu Xiráldez, polos recortes e privatización de servizos da Xunta en salvamento marítimo e outros seguros afíns. En concreto, a moción pedía deroga-la lei (Decreto 130/2012), pasar a titularidade pública os helicópteros que a Xunta vendeu a unha empresa, que novamente a Xunta asuma a responsabilidade por accidentes no mar e seguro por mal tempo.
Maruchi Álvarez falou en representación de ACE dicindo que a Xunta segue as pautas que nos últimos anos a UE está a levar a cabo coas políticas pesqueiras comunitarias. Os recortes que afectan os traballadores do mar, a eliminación de dereitos sociais e coberturas laborais, todo é "terrorismo administrativo".

 
A seguir debatéronse 3 mocións por urxencia:
_ A aprobación inicial do Polígono Industrial "Alto da Portela", onde todos os grupos votaron a favor a excepción de ACE:
Mariano Abalo expuso que isto é impresentábel aínda que só sexa polas formas xa que non houbo comisións informativas sobre o tema. Legaliza-las empresas existentes e crear postos de traballo sí, pero urbanísticamente non procede. A Xunta non lle preocupa o urbanismo, non se respeta o POL, e hai unha empresa que ten unha orde de demolición. Non vale todo, todo queda en mans privadas, e non custaba nada explicar todo isto con rigor nunha comisión.
O alcalde responde que o tema é urxente, corre présa pois o prazo remata o 1 de abril, que a sentencia se prorrogou, que os prazos son os que son, e unha vez que se inicie o proceso de aprobación, poderán estudar o tema máis a fondo e facer alegacións.
_ ACE pide a derogación da lei de taxas xudiciais, posto que a xustiza é un servicio público de tod@s e estas taxas frean a defensa dos dereitos dos cidadáns, e pedimos tamén a dimisión do ministro Gallardón. A oposición vooua a favor, o PP e Nardo Faro en contra.
_ Aprobada por unanimidade unha moción socialista para instar a Consellería da Presidencia a que dote de medios materiais e humanos suficientes á Comisión de Xustiza Gratuita de Pontevedra.
ROGOS E PREGUNTAS:
Pazos pídelle o alcalde que valore a posibilidade de que lle acompañen dous representantes veciñais do HIO, na reunión que vai ter coa Conselleira de Sanidade. O alcalde di que non, que en todo caso quen lle vai a acompañar será a concelleira e que él non precisa escoltas.
Outra pregunta de Pazos foi en nome dunha asociación cultural de Aldán (A.C. As Furnas) para solicitar a rehabilitación e uso por parte da asociación dun muíño, ou a ser posíbel unha entrevista co concelleiro de cultura. Estudarase o tema.
Maruchi Álvarez preguntou polo asunto das facturas que unha consultoría está a remitir ós veciños en nome de AQUALIA. O alcalde responde que lles diga a esa xente que non paguen esas facturas, que o concello está a punto de asinar un acordo coa empresa. A nosa concelleira díxolle que entón debe facelo público, pois hai xente maior que está a recibi-la carta, e por medo ou descoñecemento paga.