Sobre falacias anti-comunistas de onte e de hoxe

Artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín titulado "Óscar Niemeyer", publicado no Faro de Vigo ("No fondo dos espellos").
 
Óscar Niemeyer
 
Moitos pregúntanse como un arquitecto de vangarda podía ser ao propio tempo comunista; a pregunta é outra: como un arquitecto de vangarda poderá non ser comunista.
 
A morte de Óscar Niemeyer, arquitecto, fixo reverdecer un dos bulos (ou boatos) máis rendedoiros dos que, a propósito do comunismo, corren entre as clases medias intelectuais. A falacia consiste  en afirmar que o "totalitarismo da URSS fixo imposíbel alí una arte de vangarda e que as sensibilidades se viron embrutecidas coa doutrina oficial do "realismo-socialista". Esta crenza ou rumor constituíu un dos meirandes logros da propaganda capitalista durante a guerra fría. Na URSS, a literatura, a pintura, a arquitectura e demais artes serían vulgares e retrógradas, pois o Partido prohibiría rigorosamente calquera expresión de contemporaneidade, enviando a un misterioso inferno chamado "gulag" aos artistas e escritores que eludían a norma oficial.
 
Liubov Popova: "Composición" (1921).
Algunhas persoas en Occidente decatáronse da mentira cando Gorbachov e o corazón podre do PCUS decidiron reinstaurar o capitalismo e facer cachizas da URSS. Daquela, no mundo capitalista houbo expectación. Esperábase que as cadeas comunistas, ou o gulag, sexa este o que sexa, abrisen as súas portas e una lexión de presos políticos sairen en libertade. Cos presos políticos (nos que algúns sostiñan que había trotskistas e esquerdistas antiburocráticos en xeral) sairían en libertade os escritores e artistas chamados disidentes, entendendo por "disidentes" aqueles que intentaban, mediante as técnicas da vangarda, enfrentarse ao realismo socialista oficial. O caso é que no seu colosal afundimento, non saíron a rúa presos políticos nin artistas e poetas disidentes pola sinxela razón de que non existían penados deste tipo. Tamén se esperaba que, ao desaparecer a censura, os disidentes poderían ofrecernos xa as súas grandes obras de vangarda en todas as artes, incluída a cinematográfica, e en todos os dominios do pensamento. Pero non: desde a ruína da URSS vermella a nova Rusia branca e azul non produciu nin pintura, nin escultura, nin cine, nin teatro, nin novela que chamase a atención. Os disidentes, en materia de arte, literatura e pensamento, ou eran vulgares ou simplemente non existían. A lei capitalista do mercado aplicoulles a súa norma férrea: nin as galerías de arte de Nova York nin as grandes editoriais de París que marcan aínda a tendencia resgataron artistas e escritores exsoviéticos do gulag simplemente porque non lle encontraron mérito comercial a aquela disidencia.
Por outra banda, sucesivamente (1992) en Frankfurt, Ámsterdam e Nova York despregouse a prodixiosa exposición titulada The Great Utopia. The Russian and Soviet Avangarde. 1915-1932. Occidente (concepto este tan misterioso como o de gulag) sentiu que a tona alta da súa mesocracia intelectual se conmovía. En The Great Utopia víase con claridade que pintura non figurativa nacera en Rusia, que Picasso (sendo leal comunista) era un plástico atrasado, que o design fora teorizado como "arte e producción" por Arvatov, e non polos fabricantes antixudeus de automobeis en Detroit, que a fotomontaxe, o cartelismo e a linguaxe cinematográfica (Einsestein, que era de Stalin) foran invencións soviéticas. Estaba implícita na exposición a mensaxe poética de Maiakovski e a innovación do circo soviético que hoxe esplende no Cirque du Soleil. Case nada do que en materia de artes e pensamento sobre as artes e as letras que hoxe, e onte, é e foi moi importante no mundo deixou de nacer en Liningrado, en Moscovo, na URSS. Inclúo o estructuralismo.
Así e todo: a pesadez iniste. Como é posible que un comunista como Óscar Niemeyerfose, ao mesmo tempo, arquitecto de avanzada? Aos que así molestan desviaríalle eu a pregunta a Farruco Sesto Novás, o grande poeta galego e máximo arquitecto venezolano que, con Patria para Todos, lle infiltrou a Chávez o virus Celso Emilio Ferreiro e o virus UPG (a actual FPG).
Cando eu era novo, a consigna de esperanza no futuro non era a unión europea para moitos de nós, inducidos por profesores como don Farruco (tamén) Cerviño Xesteira. A consigna era Brasil, como vostedes poderan ler na literatura económica e política de Valentín Paz Andrade, persoa e intelectual refractario ao europeísmo de Galaxia en particular. Hoxe, a bandeira masónica do Brasil, co seu lema encantador Ordem e Progresso, volve suscitar os entusiasmos de moitos galegos desafiuzados para sempre de Europa e dun Portugal caduco que errenega de nós tapando os ollos co manteu da ignorancia. Nunca tan tristes, por non dicir ridículos, me pareceron os reintegracionistas e os europeístas de Galicia.
 
O arqutitecto comunista brasilerio, recentemente falecido, O. Niemeyer.
Morto Óscar Niemeyer, moitos pregúntanse como un arquitecto de vangarda podía ser ao propio tempo comunista. A pregunta é outra: como un arquitecto de vangarda poderá non ser comunista. Óscar Niemeyer  planificou Brasilia cunha visión de futuro comunista. Certo que puxo alí una catedral como humillación dos seus principios á realidade imperante. Stalin puxera fouces e martelos nos manteis dos altares ortodoxos aceptantes da URSS en ocasión da Grande Guerra Patria. Non había no Brasil oportunidade de instauración de nada do que en España recibiu o nome de nacionalcatolicismo. Pra Niemeyer, a Brasilia predecía un país novo libre e igualitario: construir Brasilia era preparar o futuro socialista.
The Great Utopia, a Grande Utopía chamouse a exposición gloriosa na que o mundo poido ver xuntos Malevich, Popova, Rodchenko; é decer: a auténtica revolución artística internacional tal e como se produciu na URSS a carón da revolución marxista-leninista. Óscar Niemeyer, nado dez anos antes da Revolución de Outubro, sumou a súa mente e a súa inspiración poderosa ao grande soño de refundar a Humanidade, que iso está no celme do discurso de Marx. E Niemeyer procurou a forma informe da amoeba como referencia profunda dos espacios que proxectaba, porque tal microorganismo é, se fose verdade o que nos ensinaba o doutor Odón de Buen, a primeira estrutura que adoptou a vida e da cal procedemos os humanos.