O goberno non rectifica as declaracións ofensivas de Berta Pérez sobre a realidade cangueira

1.- As declaracións de Berta Pérez contan co visto e prace do goberno 2.- Maruchi Álvarez: "Gallardón maltrata a muller cada vez que fala." 2.- Maruchi Álvarez: "Gallardón maltrata a muller cada vez que fala." 3.- Os recortes afectan ós traballadores do sector público 4.- Aprobada a ordenanza da venda ambulante 5.- Aprobación inicial sobre medidas de simplificación administrativa e acondicionamento da Avenida de Vigo.

1.- As declaracións de Berta Pérez contan co visto e prace do goberno 

Xosé Manuel Pazos foi o encargado de presenta-la moción da ACE a esta sesión plenaria do 30 de novembro. O texto pedía a reprobación das declaracións da concelleira do Partido Popular, Berta Pérez, recentemente elixida parlamentaria. Lembremos que, en referencia a futuros enfrontamentos con AGE no parlamento, alegou que "o ambiente non será peor que no concello de Cangas porque estamos afeitos ó conflito." O feito é grave xa que non estamos a falar de calquera persoa e está a dar unha imaxe pésima nas páxinas de determinado xornal. Ademai non é certo porque os plenos cangueiros non adoitan ser conflitivos en absoluto. Esta persoa debera recoñecer que meteu a zoca e débelle un respeto a este pobo que si é reivindicativo, traballador e serio. E a nosa corporación é unha representación do noso pobo que merece unhga rectificación en pleno. Para a defensa desta concelleira tiveron que intervir, ademais do alcalde, Nardo Faro e os concelleiros Jesús Graña e Dolores Gallego pero nada de rectificar esas declaracións públicas que supoñen un exercicio de manipulación fascista na mensaxe. 
Mariano Abalo tamén fixo uso da palabra pra lembrar que o tema podía solventarse en dous minutos de haber vontade. Considerou sintomático que a aludida non intervira ó respecto no pleno. Confesou a micro aberto que as declaración do PP, fosen cales fosen, importanlle ben pouco. O que diga o Partido Popular non pode ter ningunha consideración, ademais resulta que aínda son peores os actos que as súas palabras. O desatendemento da violencia de xénero, o desemprego ou a permisividade coas operacións criminais da banca dan boa conta do que estamos a dicir. A actitude do PP é un auténtico exercicio de cinismo e hai que ir ós plenos a trata-los temas con rigor.
Finalmente o PSOE votou co Partido Popular. Tirade as vosas propias conclusións.



2.- Maruchi Álvarez: "Gallardón maltrata a muller cada vez que fala."

Maruchi Álvarez, en representación da Alternativa, sinalou que ter que debater arredor do día da violencia contra as mulleres e pola retirada de financiamento destinado á protección das vítimas da violencia machista non senta nada ben. Non hai dúbida de que segue habendo maltrato e cada vez os medios teiman en ocultalo máis. Por razóns orzamentarias xa non se fan tan públicos estes sucesos. En troques antes facíase un seguimento da violencia de xénero e agora lévanse a cabo unhas políticas que propician aínda máis que a muller non denuncia por temor a ser mal vista.
Ante as palabras nefastas do Partido Popular verbo deste tema, Maruchi Álvarez manifestou o voto a favor da moción presentada polo BNG pero pedindo que o goberno central actúe sacando leis. Aseverou tamén que a responsabilidade do Ministro de Xustiza é enorme nestas cuestións. E non dubidou en asegurar que Gallardón maltrata a muller cada vez que fala. O que teñen que facer é actuar, non recortar e cumpri-la lei que hai. Hai que lle dar á xente os medios. O dereito a existir e a vivir en dignidade témo-lo todos e todas.


3.- Os recortes afectan ós traballadores do sector público

Pazos, ó trata-la moción das pagas extraordinarias dos traballadores do sector público, referiuse ó incremeento de políticas regresivas no Estado Español e en Europa malia que estea a morrer xente. A chamada "austeridade" está a provoca-lo falecemento de persoas. E tal como están as cousas sen endebedamento non hai progreso non podéndose mercar un piso ou unha casa hoxe en día. Esas políticas estanos a levar á ruína.
O concello de Cangas non achegou ningunha medida pra lle paga-las pagas extra ós funcionarios. Pola contra, houbo concellos que lles fixeron fronte ó goberno central ata o punto que agora mesmo estanos a ameazar. E ademais co que se aforra non se pode investir nos veciños. Estamos a falar des máis trescentos mil euros.
O Partido Popular incumpre varias leis (a LNL, a amnistía fiscal pra os defraudadores, etc.) e agora o responsábel local de Facenda, Pío Millán, pide cumprir esta norma. Parece que só se vulneran as leis pra ir en contra das capas populares.


4.- Aprobada a ordenanza da venda ambulante

O noso voceiro recoñeceu no caso desta moción que houbo un diálogo previo a través de xuntanzas e a nivel persoal que non foron ata o de agora a tónica dominantes deste goberno. Posibelmente sexa esta a ordenanza máis completa e mellor feita. Aínda así a ACE ten serias dúbidas de que se poida facer pública. Achegamos, xa que logo, unha serie de matizacións:
- Valorar aparta-las instalación do lugar do mercado pois onde está resúltalle caro ó Concello pois hai que lle pagar a Portos, hai que ocuparse da limpeza, etc.
- Convén matizar mellor o artigo dos produtos autorizados.
- A adxudicación debe radicar na Xunta de Goberno e non só na Alcaldía.
- Para as medidas dos postos (10 metros máximo) habería que escoitar tamén ás asociación que reclaman os 12 metros.
- A figura do administrador que hai que desenvolver máis.
- As consideracións das faltas.


5.-Aprobación inicial sobre medidas de simplificación administrativa e acondicionamento da Avenida de Vigo

A diferenza da anterior moción o procedemento foi nefasto neste caso. Como indicou Pazos, isto xa acontecera coa moción das terrazas e outras. Pra este asunto hai moito papel que consultar pra que só se lle dea á oposición o prazo dunha semana. Pedimos que quede sobre a mesa pra estudala a fondo e ter unha xuntanza de portavoces e conseguir así aprobalo por consenso.
Opómonos radicalmente a que o Partido Popular de Madrid trate de lexislar nos concellos. Tiran a paga extra, establecen como non temos que gastala,... E van acabar por disolve-las corporacións municipais e montar xestorías. Non se pode invadir dese xeito as nosas competencias.
Por unhas declaracións de Faro Lagoa durante a sesión Pazos espetou que a democracia é o goberno da maioría respectando á minoría. Non entendemos, por tanto, a cal é o medo a que a oposición faga achegas.

Por último, Mariano Abalo, referiuse ó punto que trataba o acondicionamento da Avenida de Vigo pra advertir que a remodelación e acondicionamento desta zona vai esixir tirar aínda máis das dependencias das arcas municipais. Asemade, a AGE solicitou atende-los graves problemas de seguridade vial que existen.