Pazos presenta unha moción de reprobación contra Berta Pérez (PP)

O pasado día 16 de novembro deste ano, a concelleira desta Corporación Municipal citada anteriormente, co gallo da súa inmediata toma de posesión como deputada electa no Parlamento de Galicia, fai unhas declaracións, publicadas nas páxinas de Galicia dun xornal, que cando menos, lixan a imaxe de Cangas e da súa Corporación por todo o país, á parte de poñer de manifesto a incapacidade desta persoa para representar a este pobo. As declaracións refírense ao que espera atopar no Parlamento:
El ambiente no será peor que los plenos de Cangas, estamos acostumbrados al conflicto”, declara textualmente a ínclita dona Berta e supoñemos que queda tan ancha.

Pero hai que ter en conta dúas cuestións fundamentais:

1ª Que Dona Berta Pérez, ademais de deputada electa, non é unha concelleira calquera desta Corporación. Estamos a falar da 1ª Tenente de Alcaldía (que xa exerceu o posto algunhas veces) e da responsable de Emprego, Industria, Comercio, Consumo e nada menos que TURISMO. É dicir, que a segunda de abordo do alcalde e ao tempo a persoa encargada de que Cangas proxecte unha imaxe positiva cara ao exterior que axude, entre outras cousas, ao noso sector turístico, vai e fai todo o contrario espallando por aí algo así como que está preparada para calquera guerra porque a Corporación de Cangas está instalada no conflito e se supón que na agresividade. É dicir: Cangas pueblo conflcitivo. (Faltoulle engadir: “no nos visiten que mordemos”).
Pódese querer xustificar en que estas declaracións descualifican só á Corporación Municipal de Cangas, pero resulta que sómo-la lexítima representación do pobo em polo tanto, a descualificación diríxese tamén ó mesmo pobo ao que representamos 
 
2ª Pero resulta que a gravidade é maior porque as declaracións da concelleira recollen unha gran mentira. Nin os Plenos de Cangas son conflitivos, nin aquí se respira o ambiente “selvático - agresivo” que esta señora da a entender a toda Galicia. A non ser que para ela sexa “conflitivo” o debate político e a disparidade de opinións propias dun estado democrático e se atope máis a gusto nunha situación de “ordeno e mando” e os demais “procesión dos caladiños”.

O PP mira conflito onde hai dignidade popular
 Os Plenos de Cangas, co debate político necesario, non son nin foron conflitivos en ningún momento desta lexislatura (que é a que leva esta señora na Corporación)... A non ser que como ela participa pouco nese debate, se deixe levar pola “ensoñación” e se sitúe oniricamente en mundos salvaxes nos que ela, cal unha “Calamity Jane” calquera, se vexa protagonista de aventuras violentas propias do far west... Ou que asista a outros Plenos de pobos en conflito e aquí nos mande un “clon”... Quen sabe!
O que si é verídico e constatable é que esta representante municipal causou un dano grave na imaxe do Municipio que debe defender e por iso debera responder de tal acción, cousa que non vimos polo de agora nin sequera cunha petición de desculpa pública ( e moito menos, por suposto, cunha dimisión ou un cesamento).
Polo tanto, é este Grupo Municipal o que trae o asunto a debate Plenario propoñendo a aprobación dos seguintes puntos:
  • O Pleno Municipal de Cangas REPROBA a actitude da concelleira Dona Berta Pérez Hernández cara á Corporación da que fai parte e ao pobo ao que representa, con esas declaracións na sección de Galicia do xornal Faro de Vigo do día 16 de novembro de 2012.

  • O Pleno da Corporación de Cangas esíxelle a Dona Berta Pérez Hernández rectificación pública desas declaracións e petición expresa de desculpas neste órgano máximo de representación de todas as canguesas e cangueses.