Maruchi Álvarez e Pazos cuestionan severamente a aprobación dos Orzamentos pra o 2013

No pleno deste 31 de outurbro procedeuse á aprobación inicial dos orzamentos pra o exercicio do 2013. Na teoría, sobre o papel, o goberno pretende busca-la estabilidade económica e presta-los servizos básicos. Os nosos concelleiros discreparon seriamente de que esa fose a verdadeira filosofía do documento.

Maruchi Álvarez recordou houbera unha comisión de traballo que estivo reunida durante dúas horas e tratou os orzamentos como unha proposta que traen dende o bipartito e tendo en conta o informe con puntos contrarios da interventora. Deixou patente que o documento está moi ben aderezado pra facelo xustificábel. Cómpre ser realistas e é evidente que non coinciden os ingresos cos gastos como mesmo recolleu a interventora. Non hai cartos pra a Mancomunidade. Temos un servizo que non imos poder pagar e haberá que informa-los veciños de que non paguen. 
Maruchi Álvarez lembrou que o ano pasado a ACE xa cuestionara a praza de letrado que ó final non se chegou a efectuar. Elimínase unha praza de administrativo sen ter en conta os dereitos dos traballadores que están en demandas xudiciais. Fulmínanse cinco prazas de limpeza viaria porque se cubriron con subvencións da Deputación que é quen manda ós traballadores. A Alternativa defendeu que a subvención ten que vir ó concello e este, á súa vez, tirar das listaxes de traballadores que temos. 
Álvarez recordou que existen sentenzas que hai que cumprir como as de derribo que non veñen recolleitas nos orzamentos. Asemade, as contas que se fixeron non teñen un equilibrio, senón que son adorno. Incúmprese o propio Plan de Saneamento de Cangas. Non se pode ser tan descarado cos orzamentos e tan pouco consciente da situación que hai.

O propio alcalde respondeu con vehemencia ós concelleiros da oposición acusándoos de non ler ben o documento e de non lle dedicar tempo, tirando, claro, "honrosas excepcións" en referencia clara á concelleira da ACE.



Xosé Manuel Pazos, voceiro da ACE, indicou que o goberno produciu eivas en tódolos puntos dos orzamentos. Elimínanse postos de traballo, non abordan a situación económica dos veciños cando suben as taxas do concello e do Estado. É destacábel, asemade, o incríbel desmantelamento dos servizos públicos dentro deses poucos cartos que hai pra gastar. Por exemplo, o diñeiro destinado ó mantemento de seis escolas públicas é de 12.000 euros. Mentres, pola contra, concellos como Redondela gastan por escola 10.000 euros. En Cangas son as comunidades escolares as que teñen que facer fronte ós gastos. E toda esta situación é máis sorprendente se o comparamos cos 137.000 euros destinados pra o deporte. A ninguén lle escapa que a desproporción é enorme.
Pazos sinalou, pra rematar, que cos cartos que se teñen pódense establecer prioridades. Con estes orzamentos o pouco que se pode gastar está mal dirixido. Nese sentido xustifiou e anunciou o noso voceiro o voto en contra da Alternativa Canguesa de Esquerdas.