Folga do 14N: un éxito na Terra de Morrazo e en todo o país

O día 13 ás 19:30 horas acompañamos a un nutrido grupo de homes e mulleres da CUT que foron polas rúas de Cangas quecendo motores pra a xornada de folga que se achegaba. Ás 24:00, día 14, algúns de nós fomos a Vigo a colaborar cos piquetes da CUT e da CXT nesta cidade. Esa noite houbo cargas policiais e algún que outro compañeiro padeceu graves contunsións das que tardará en se recuperar. O paro foi un notábel éxito destacando a escasísima influencia de traballadores que acudiron ós seus postos de traballo en Citröen. Falamos dun 20%, co cal a empresa mirouse forzada a dete-la produción.

En Cangas quedouse ás 6:00 da mañán pra levar a cabo unha rolda piqueteira por toda a Terra de Morrazo empezando por Moaña, logo Bueu e máis tarde Cangas onde as incidencias foron mínimas e o parto amplamente maioritario. Todo aquel que ousou abri-lo seu negocio ou acudir ó seu posto de traballo - coma na Casa do Concello- tivo que recuar.

Parte da marcha que congregou a 10.000 persoas polas rúas de Cangas o 14N

 Pra remata-la mañán acudimos á manifestación unitaria da CUT, da CXT e da STEG levando a cabo unha respectábel mobilización do sindicalismo de clase con miles de persoas nas súas fileiras. Mentres tanto, os sindicatos maioritarios enchían Praza América e as rúas que desembocan nela facendo de Vigo unha referencia a nivel estatal con 150.000 traballadores e traballadoras mobilizadas.

Ó regresarmos a Cangas houbo que facer unha ínfima batida piqueteira (Froíz, Frutas Katuxa) pra asegurar que o peche seguira sendo total. Á tarde tocaba a marcha por Cangas que, como é sabido, foi todo un éxito contando cunha concorrencia humana de proporcións descomunais. Mesmo a prensa do sistema fala de 10.000 persoas nesta manifestación. Cómpre destacar que nesta mobilización acudiron parlamentarios da AGE que xunto cos concelleiros X.M. Pazos e Mariano Abalo portaron unha pancarta co lema "Hai que paralos!" de referencia clara á aposta pola fronte ampla político-social como alternativa pra este país e contra a virulencia do capital. 

Manolo Camaño
 A CUT encabezou a mobilización secundados polo 15M e os afectados polas preferentes que tiveron a súa quenda de fala nos discursos ó final da marcha na Alameda Vella logo de percorre-la Pedra Alta e a Avenida de Marín. Manolo Camaño tomou o micro pra protagonizar un prolífico discurso anti-capitalista, anti-monárico e de corte claramente autodeterminista ante os millerios de persoas que ateigaban a Alameda Vella, cruzaban a estarda e que mesmo se situar na Alameda Nova. O histórico sindicalista agradeceu a tódolos traballadores, traballadoras, comerciantes e hostaleiros que secundaron a folga e lembrou pasarlle o recibo do boicot a aqueles poucos insolidarios que ousaron abrir. Así terán tempo de reflexionar cara a vindeira convocatoria de folga. Reflexionar sobre a crise, a dificil situación de muitas familias e,  xa non é esaxerado dicilo, da épocas de fame que se achega e que xa padecen moitas familias aquí e en todo o Estado, como tamén se sinte a lacra do desafiuzamento que deixa a xente humilde sen un teito baixo o que se gorecer. 

Pola nosa banda xa só nos queda recordar a mobilización de tódolos venres ás 20:00 horas que empeza dende diante da Casa do Concello e que é imprescindíbel pra seguirmos na rúa xa que sen mobilización, sen a reivindicación permanente non vai haber solución pra acabar con esta crise sistémica. Un outro sistema é posíbel...