A AGE irrompe en Galicia como referente da esquerda soberanista pra combate-lo PP

Históricos e inesperados os resultados acadados o 21 de outubro pola Alternativa Galega de Esquerdas. Con máis de 200.000 votos, a postura da formación dunha fronte popular ampla cobra forza nunha Galicia que, por outro lado, segue ancorada na lacra do abstencionismo e do dominio da dereita, sobre todo, nas áreas rurais. A nivel local e de bisbarra, e a modo de exemplo, cómpre destaca-los resultados acadados en Cangas converténdose a AGE na segunda forza política con máis de 3.100 votos, o que representa máis do 23% dos sufraxios. En Vigo a Alternativa queda en terceira posición moi preto do PSOE nuns resultados sen precedentes como os de Compostela e A Coruña onde a coalición de Beiras, Abalo e Iolanda Díaz quedou en segunda posición cuns resultados espectaculares. Como nota positiva tamén pra a nosa formación, resaltar tamén que a AGE acadou representación en tódalas circunscricións electorais sumando un total de 9 deputados.

Non ocultamos, así e todo e ante todo, o noso malestar pola permanencia na presidencia da Xunta do Partido Popular. O mantemento do goberno de Feijó non significa outra cousa, a efectos políticos, que a validación da política de recortes do goberno de Rajoy dende Madrid. Mais non se pode negar, malia o descalabro das forzas da esquerda teórica, que a AGE abre unha porta á esperanza dos sectores sociais que confían en que unha outra política é posíbel. A Alternativa non só vai levar ese aire fresco ó parlamento, senón que o contacto coa rúa e cos sectores sociais ten que ser claro e permanente. Sería impensábel desenvolvérmo-lo noso labor desconectados dos distintos sectores populares ou dos centros de traballo.


Mariano Abalo (FPG, Anova) con X.M. Beiras (EI, Anova) e Iolanda Díaz (EU). Noite electoral.

Por outra banda, cómpre facer balance do acontecido en Euskadi cando a esquerda abertzale, concentrada en EH Bildu, nos seus comicios vén de tirar uns resultados óptimos. O soberanismo é esmagador xa na sociedade vasca. A nosa coalición non é allea ós acontecementos e ó pulo nacionalista que vén sucedendo tanto en EH ou en Catalunya, por tanto vai estar moi pendente como referente autodeterminista de esquerdas que xa é, de non quedar fóra da conquista do dereito de autodeterminación pra Galicia. Dende logo, o noso país non pode perder ese tren, e cómpre traballar cos demais sectores do nacionalismo galego pra seguir conformando unha fronte ampla e pra acadármo-las mellores conquistas de autogoberno sen pórmonos limitacións de ningunha clase.

A seguir, achegamos dous enlaces pra consutárde-los resultados electorais por provincias e por municipios: