O auditorio recibe os candidatos de AGE polo Morrazo

Horas antes tivera lugar a presentación da candidatura da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) en Vigo. Ó Museo do Marco tiveron que acudir entón os nosos representantes morracenses. Referímonos ó dramaturgo, ex-deputado e concelleiro cangueiro X.M. Pazos; á licenciada en Turismo, Xandra Pesqueira; a licenciada en Ciencias Políticas e concelleira en Bueu, Laura Ogando e, por último, o profesor, escritor e expoñente do mundo da cultura, o señor Pepe Cácamo.

O encargado de presentalos e de dárlle-la palabra non foi outro que o histórico dirixente Mariano Abalo Costa. Este pediu ós veciños a máxima implicatura non só co voto, senón tamén durante a campaña, no desenvolvemento das asembleas e, en definitiva, contribuindo a que este proxecto de fronte popular ampla se leve a cabo e prosiga pra colaborar, dende o noso país, no derrubamento actual sistema capitalista.


Lembremos que a coalición da AGE está conformada polos grupos de Equo, Espazo Ecogaleguista, Esquerda Unida e Anova-Irmandade Nacionalista. Anova trátase dun movemento de militancia individual xurdido logo de anos de conversas e preparación na que tivo moito a ver persoeiros destacados como o Mariano Abalo (FPG) e X.M. Beiras (EI). Logo apostouse por unha fronte de partidos inspirada na II República e aí tamén tivo unha incidencia notábel X.M. Pazos (EU). 

Non hai dúbida xa de que esta alternativa ten o seu xermolo na experiencia cangueira sen a cal hoxe non teriámo-la representación que temos no concello, quedando moito voto sen representación. Non hai dúbida que sen esta estreita colaboración sería moito máis complicado facer fronte a desfeitas como as que se pretenden facer en Massó ou mesmo pra pararlle os pés a politicastros indesexábeis e chourizos como fora o ex-alcalde Lois Pena. Sen esta alianza, en definitiva, non serían visualizábeis proxectos como foi a Xestora no seu día, facendo ver ós veciños que outra política si é posíbel. Pensamos que pra o país é a mesma cousa. Sen unha política de alianzas entre o soberanismo consecuente e a esquerda respectuosa coa autodeterminación non saíremos da actual situación. Avante a fronte ampla popular, Posición Soto.