Ó ataque ás pensións centra a mobilización anti-recortes do 14-S en Cangas

Este venres 14 de setembro o tecido asociativo e veciñal cangueiro retomou as mobilizacións anti-recortes promovidas pola CUT. Polo seu lado, Moaña e Bueu fixeron o propio como vén sendo costume nos últimos meses. 

Cabeceira da manifestación xa na Alameda Vella. Ten a palabra Manolo Camaño.
Como é habitual, un nutrido grupo de veciños de toda índole congregáronse diante da Casa do Concello de Cangas. Desta volta foi ás 8 da tarde coincidindo cunha sesión plenaria que arrastraba a unha manchea de afectados pola inminente circunvalación e polo centro de saúde de O Hío-Aldán.  Malia a celebración do pleno, ó que asistiron os nosos concelleiros en defensa dos dereitos veciñais, a concentración anti-recortes volveuse converter nunha vistosa manifestación polas céntricas rúas da nosa vila. Coreáronse varias consignas contra a crise, reivindicáronse axudas pra os mariñeiros de altura que agora están en terra así como solucións pra os afectados polas preferentes, o ensino público, etc. Unha vez na Alameda, Manolo Camaño tomou a palabra pra facer balance do acontecido nas últimas semanas no panorama socio-político do Estado e do noso país. Alertou a veciñanza do ataque ás pensións dos traballadores e das traballadoras. Non se debe esquecer que veñen enriba aínda máis recortes. Criticou con dureza a suspensión da convocatoria de folga que nun principio fora decretada pola CIG pra o 26 de setembro coincidindo co paro en Euskal Herria e en toda Grecia. Apuntou como causa deste despropósito, e nós así tamén o entendemos, a intencionalidade de frea-la ondanada reivindicativa contestataria na rúa pra que non repercuta o 21 de outubro nunha alternativa electoral de alcance anti-sistémico moi perxudicial pra os "politiquillos" e politicastros que aínda comen do pesebre do poder envoltos en bandeiras da patria e que ultimamente irrompen na pre-campaña con exacerbadas consignas de "anti-españolismo". Lembrouse novamente a problemática do caladoiro de Mauritania porque os mariñeiros afectados e as súas familias non poden quedar sen axudas. Por último, fixose un chamamento á acción unitaria na rúa en sintonía co que se está movendo nos eidos da política co rumbo posto na fronte ampla anticapitalista e plurinacional que dea tirado do poder os esbirros do neoliberalismo europeo no Estado Español.

Anteriormente, antes de inicia-la marcha, tomaron a palabra unha integrante do 15-M e unha representante dos estafados polas preferentes que volveron amosa-la súa indignación pola política de recortes e polo desatendemento da Xunta por aqueles a quen lles foron directamente roubados os aforros de toda unha vida.

Fose como for, os veciños e colectivos cangueiros imos seguir manifestándonos e mobilizándonos nas rúas tódolos venres quedando sempre ás 8 da tarde diante da Casa do Concello.