Mariano Abalo presentará os candidatos da AGE polo Morrazo

O vindeiro xoves 27 de setembro ás 20:00 horas terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas o acto de presentación  dos morracenses que van na candidatura por Pontevedra da Alternativa Galega de Esquerdas. Como é sabido, trátase da coalición formada por Anova e Esquerda Unida á que logo se incorporaron Equo e os Ecogaleguistas. O acto abrirao o histórico dirixente independentista Mariano Abalo. Este referente indiscutíbel, concelleiro e membro da Executiva da ACE, Secretario Xeral da FPG e membro da Coordenadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista, pilotará o evento pra dar a coñecer ó público os homes e mulleres que representarán a comarca nestes comicios electorais.

Hai que dicir, que alén do propio historial de Abalo, a súa presenza neste acto non é casual. Apostou sempre dunha forma decidida pola formación dunha fronte ampla popular e é un dos artífices que leva algúns anos xestionando a unificación da esquerda en Galicia. Non en van, o propio Beiras xa ten declarado publicamente que as conversas coa FPG levaban cando menos dous anos producíndose. Mais hai que dicir que foi o sentido da responsabilidade e do compromiso político co país e coa esquerda dos militantes de diversa índole que, a título individual converxeron en Anova, e entre eles o propio Abalo, os que posibilitaron que se encetase este ambicioso proxecto aglutinador que cristalizou nos acordos coa formación do propio X. M. Pazos e a coordinadora xeral de EU, Yolanda Díez. Estes acordos, hai que deixalo claro pra que ninguén se leve a engano, van máis alá da coalición electoral feita pra concorre-lo día 21 de outubro. Este proxecto, xa que logo, ambiciona un longo percorrido pra sumar todas aquelas forzas da esquerda, do anti-capitalismo e do autodeterminismo máis serio e responsábel que permita derruba-lo sistema e que non está a facer máis ca esmagar, a golpe de leis e decretos-lei, ás clases populares. E aí emerxe, sobranceiro, o arduo labor do propio Mariano Abalo e mesmo do noso voceiro municipal e ex-deputado, Xosé Manuel Pazos.

Acode connosco ó auditorio e levantemos entre todos unha alternativa seria e decente pra este país.