"Eu, Posición Soto", contributo do camarada Ferrín

Lois Soto (1902-1981), intelectual e activista que atravesa coma unha fúlgura o século XX e dá sentido profundo ao encontro entre marxismo e nacionalismo galego, era un mito popular na miña nenez de Vilanova dos Infantes. Logo, nos anos cincuenta, Soto, en compaña dunha brillante cohorte de exiliados en México, bombardeou a Galicia máis alerta coa revista Vieiros, monolingüe galega e co cineasta Carlos Velo e o pintor Arturo Souto como deseñadores gráficos. Perante Vieiros, en 1959, ficamos apalambrados e a esa empresa nos sumamos. Logo, Soto explicounos a algúns o proxecto de creación dunha forza política nacionalista de inspiración marxista. Eu aló fun, atrás súa. E naceu en 1963 a Unión do Pobo Galego. Pasados os anos e en 1977, foi Lois Soto que nos seguiu a nós ao nos arredarmos da UPG oficial e levantar a UPG-liña proletaria (logo PGP e Galicia Ceibe).


Lois Soto era ousado na escisión e férreo na polémica. Pero sempre pensaba que, despois da separación, clarificadas as posicións, vén a unidade. Pediu unha e outra vez a unidade da esquerda e do nacionalismo. El procedía dun tempo definido por aquela estrela de luminosidade indeclinábel chamada Dimitrov. A idea de Fronte Popular, de unidade de todas as forzas antifascistas, absolutamente de todas, era a fórmula que a súa xeración considerou válida para frear o avance dos fascismos. Na memoria de Soto estaba gravado a ferro quente un capítulo da historia de Europa. Aquel no que lemos que os socialistas alemáns non quixeron facer Fronte Popular contra o partido nazi e este, así, ocupou o poder. Tamén Lois Soto tiña sempre presente que os pobos de “España” se mantiveran firmes ante os avances do fascismo entre 1936 e 1939 porque a República estaba gobernada por unha Fronte Popular.
Quen queira achegarse á figura de Lois Soto, camarada e mestre meu, inesquencíbel, vexa este excelente libro: Xurxo Martínez González, Luis Soto. A xeira pola unidade galega, Xerais,Vigo, 2011.
Eu ollo no máis Fondo dos Espellos agora e vexo a Lois Soto (do PCE) en 1938 facendo a campaña de apoio á causa da República con Castelao, man a man e en paridade de rango: Nova York,Virginia, Florida, Cuba. Vexo a Soto na Guerra Civil dirixindo Nueva Galicia (de Líster, naturalmente comunista) que acolle nas súas páxinas a tradución galega da Internacional de Pottier feita por Cabanillas. Vexo Benigno Álvarez (PCE, amigo de Soto) falando en galego no congreso en Sevilla do seu partido. E tamén o citado Benigno collido do ganchete de Alexandre Bóveda na campaña electoral da Fronte Popular na provincia de Ourense. Comunistas e nacionalistas trasfundíndose o sangue, pois. Iso miro no Fondo dos Espellos.
Cando a perestroika e o eurocomunismo enganaban e caía o socialismo real, alguén escribiu isto, en galego e en Samarkanda: “Dixo Fiona O’Flaherty (dos Flaherty / puros de Inismore, Aran). Imponse agora / saturar, corcoser, soldar varias cousas / ou fraccións de cousa. / E os do Eixo (Vigo/Ferrol): Pensar. / Ponse Pottier, o da Comuna: Groupons-nous. / Si, agrupémonos –responderon en ton sombirzo / os derrotados no mundo enteiro (porque tiñan / indemne o corazón, naturalmente”.
Coa queda do socialismo real no mundo, sentiuse a necesidade de novo da Fronte, da unidade anticapitalista. E, en Galicia, da unidade independentista ou autodeterminista. Claro que si: era (e é) preciso, saturar, corcoser, soldar varias cousas ou fragmentos de cousa. Daquela, en xaneiro de 1992, catorce obreiros e intelectuais galegos produciron o manifesto titulado POSICIÓN SOTO. Eles eran Anxo A. Rico, Darío Xohán Cabana, Luz Fandiño, Moncha Fuentes, X. M. García Crego, Carme Graña, Alfonso Iglesias Famar, Xosé Lodeiro, Rosa López, X. L. Romero Falque, X. M. Salgado, Francisco Sampedro, Francisco Sebio e o autor deste Fondo dos Espellos.
Rendéndolle homenaxe a Lois Soto e ao seu espírito frentepopulista, os manifestantes expuñan a necesidade dun grande polo político que englobase a totalidade da esquerda en Galicia, a nacionalista e a que, sendo de organización española, defende o dereito de Galicia á súa autodeterminación e independencia. Na Posición Soto convidábase á cooperación de partidos e tamén de organizacións sociais e culturais e de sindicatos obreiros e sociedades agrarias.
O texto completo da Posición Soto pode ser consultado en hemerotecas do núm. 9 (Xaneiro, Febreiro, Marzo de 1992) da revista A Trabe de Ouro. Por suposto este manifesto considera que a unidade de toda a esquerda realmente existente é unha condición necesaria para a expulsión do PP da Xunta de Galicia. Na Posición Soto explícanse claramente os termos da relación prevista entre a FPG, EU e o BNG.
Os actores citados variaron, pero a cuestión de fondo permanece. Hoxe, co achegamento de Anova (onde están o independentismo e o republicanismo nacionalista de esquerda) e EU, faise visíbel unha mudanza profunda da situación política no marco (así, ben cativo) da autonomía que nos concederon.
Persoalmente, eu miro no máis Fondo dos Espellos e non acho cousa máis conveniente para os intereses das clases populares de Galicia que este polo que espero que se concrete da mellor maneira posíbel. Isto é incluíndo Anova e todos os seus compoñentes, nos que se inclúe a FPG, con EU e co BNG. Se tal confluencia se producira, asistiremos a unha mudanza histórica. Calquera outra combinación política suporía a continuación de aquilo que hai e que a maioría non quer.