A ACE coa fronte ampla

Perante os novos tempos que se veñen dando, dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas queremos manifestar que nos posicionamos a favor daquelas forzas que acordaron levar adiante a proposta dunha fronte ampla para desaloxar ó PP da maioría do Parlamento de Galicia e da Xunta. Nese sentido, vemos imprescindíbel a configuración dunha ampla coalición electoral, aberta a organizacións políticas, sociais e cidadanía activa para a defensa do noso País e da maioría social; unha alianza que abranga "ó espazo social, político e cívico que representa a maioría social agredida polo poder político no Estado Español e en Galicia, na medida en que as institucións da Xunta se usan como instrumento de agresión contra a maioría social e de destrución de todo o alcanzado no proceso de avance do exercicio do autogoberno do pobo galego", en palabras de Xosé Manuel Beiras, Portavoz Nacional de Anova.

Ó igual que os grupos favorábeis á construción dunha alternativa nacional diferente, consideramos que na actual situación de emerxencia nacional, as forzas políticas do eido do nacionalismo e da esquerda debemos actuar con sentido de estado, en termos de Galicia como nación, e aliármonos fronte ós partidos do sistema para levar ó Parlamento galego a rebelión cívica de tódolos segmentos sociais esmagados polos poderes oligárquicos.

Hai que rematar co actual réxime político en descomposición, por iso o apoio ás forzas coherentes que van participar nas eleccións é un paso dentro do proceso amplo de creba democrática que debemos contribuír a impulsar en Galicia.
Apelando á necesidade de estar á altura do momento histórico, Anova-Irmandade Nacionalista e Esquerda Unida – coa única condición de recoñecemento e defensa do dereito de autodeterminación do pobo galego e da súa capacidade de autoorganización no marco galego - colleitaron xa un proveitoso acordo enmarcado nun proxecto de liberación social e nacional do país. Menos entendemento houbo cos grupos que compoñen Compromiso por Galicia e co BNG de cara a impulsar esa fronte ampla que debe defende-las necesidades e dereitos dunha ampla e diversa maioría social. Os partidos coaligados manteñen, e nos así tamén o entendemos, que debe seguir aberta a porta a unha alternativa de fronte popular con tódalas forzas nomeadas e máis alá. O tempo dirá, e xa o está a dicir, que forzas apostan pola unidade e que forzas seguen a acepta-lo actual estado de cousas.