O pobo cada vez máis unido contra os gobernos do PP

Este venres 3 de agosto o pobo de Cangas volveu marchar unha vez máis contra os recortes e a política fulminante e lesiva contra os dereitos socio-laborais das traballadoras e dos traballadores que están a levar a cabo os gobernos de Feijó, Rajoy e de Europa. Entre os centos de congregados, como de costume, estaba a nosa militancia e os nosos tres concelleiros. Multitude de pancartas e cartelería de diversos colectivos e sectores afectados polas "medidas anti-crise" do goberno fixeron do evento diante da Casa do Concello unha xornada moi reivindicativa e que cada vez suma máis adeptos.

O certo é que a situación que estamos a vivir é gravísima e, polo tanto, non sorprende que as protestas que se están a dar vaian subindo de ton. Un exemplo moi claro é o latrocinio que están a padece-los afectados polas preferentes e pra os que ningún goberno ofrece ningunha solución que non sexa outorgar máis millóns ós bancos. Xa temos denunciado, tamén nos plenos con inervencións do propio Abalo ou do noso voceiro, X.M. Pazos, de que se nutre este sistema e cal é o papel da clase política neste entramado en función dun mundo absolutamente pilotado pola banca e as entidades finaceiras. Tampouco parece haber solucións pra os mariñeiros do caladoiro de Mauritania que, tras unha nova ofensiva europea, están condenados a retornaren a casa sen unha perspectiva clara á vista. Uns 400 mariñeiros e as súas familias miraranse afectados de forma directa e arredor de 2,000 máis de forma indirecta recibindo así un novo golpe a nosa comarca xa ben danada polo alto número de desempregados. Cómpre, xa que logo, situarse a carón destes traballadores do mar e das súas familias e brindárlle-la máis firme solidariedade.


Na concentración tomou a palabra unha persoa que serviu de base introdutoria protagonizando especialmente unha defensa da Educación e da Cultura pois é evidente a retirada de axudas a estes eidos tan determinantes pra a nosa sociedade. Dúas mozas da Asociación Púrpura denunciaron con contundencia a reforma da lei do aborto e acusaron a Gallardón de se-lo máis patriarcal do executivo central. Un representante tamén quixo facer oí-la voz do movemento 15-M pra lembrarlles con acerto ós asistentes a gravidade da situación que estamos a padecer e que irá a peor. Nese sentido, este colectivo, xa famoso en Cangas, pois fixerase cargo da Acampada Morrazo hai un ano, insistiu feacientemente na importancia de traer máis xente a estas mobilizacións e de que cada individuo funcione como un axente difusor de información. Unha das varias cousas coas que coincidimos na análise destes mozos e mozas radica en que as medidas do goberno están a ser tan precipitadas que unha boa parte da poboación aínda non é plenamente consciente do nivel de precarización laboral nin de recortes que nos están a aplicar dende as altas esferas. 

A seguir, o histórico sindicalista da CUT, Manolo Camaño colleu o micro pra dar inicio a marcha polas rúas de Cangas e que iría sumando máis manifestantes ó irse movendo entre as terrazas ata chegar á Alameda Vella e despois subir pola rúa Real (antigamente da Calzada) e deterse no adro da ex-colexiata cangueira fronte ó vello concello, hoxe convertido en Casa da Xuventude. Manolo Camaño tomou a palabra ante os asistentes pra recordar, en primeiro lugar, que aquel tamén, como a Alameda Vella, era un emprazamento histórico e de grandes mobilizacións. Sinalou alí mesmo o lugar onde a Garda Civil lle rebentara o globo ocular a un veciño lesionándoo pra sempre durante os conflitos co goberno de Lois Pena. Lembrou as manchas encarnadas no chan e a pía de auga bendita totalmente tinguida coa sangue da xente que fora fortemente golpeada e reprimida pola acción policial desmedida dentro da propia igrexa. E, precisamente, como temos historia e como nós si temos memoria histórica incidiu en que non se poden deixar estas mobilizacións ou que estas caían na monotonía e na deixadez ata esvaecer. Nese sentido, xogan un papel transcendente as marchas en manifestación polas rúas de Cangas. Non imos deixar de facelas tódolos venres, por agora ás nove da noite. Aquí hai un pobo digno, e os imprescindíbeis de Bertold Bretch, como dixo onte Camaño, imos seguir ata o final. E imos seguir porque o propio pobo vainos exisir que as continuemos a facer ata concienciar a todo o mundo, ata que a folga xeral de setembro sexa un éxito rotundo e ata que botemos fóra os gobernos de Compostela e da metrópole española.

Mirámonos, entón, o próximo venres outra vez diante da Casa do Concello de Cangas.