"Chiringo metropolitano", por Xosé Manuel Pazos.

Cando se colocou o tema nun principio, xa hai un feixe de anos, da creación dunha Área Metropolitana que unise os concellos da Ría de Vigo e limítrofes coa metrópole, a Alternativa Canguesa de Esquerdas apostou por ela cunha serie de condicións... Apostamos por unha xestión común (non teledirixida) dun ben público compartido como a auga, do transporte marítimo - terrestre, da promoción turística e cultural, da seguridade cidadá... e de moitas competencias que nos afectan e nos unen a tódolos concellos da contorna de Vigo... Apostamos por unha cesión de competencias (e de cartos) por parte dunha Deputación provincial caduca, por parte da Xunta de Galicia, do goberno do Estado, para seren xestionados por este Ente metropolitano dende o achegamento e a concordia de concellos veciños e con servizos compartidos.

Nese senso presentamos propostas ó primeiro proxecto presentado pola Xunta que foron arrombados directamente no cesto dos papeis inservíbeis (sen nin sequera seren reciclados) polas administracións competentes (empezando polo daquela “bípede” goberno cangueiro).

O texto do noso voceiro tamén foi publicado na prensa.
 Mais ó tempo que a ACE apostaba, desconfiaba tamén do “cambalache”. Temiamos (e o tempo deunos a razón) que a tal área ía supor un novo asalto á autonomía municipal e á economía da nosa cidadanía (máis impostos para financiala á costa dos recursos de cada municipio) e, sobre todo, que detrás dela se agochaba un intento dalgúns por manipular e dirixir, segundo os seus intereses partidarios, unha gran área xeográfica e poboacional á que democraticamente non representan. Porque a loita axiña derivou en controlar a Asemblea da Área. O alcalde de Vigo esixe máis representación na mesma e o certo é que non lle vai chegar toda a Corporación, xa que teñen 24 representantes dos 27 que son no seu Pleno Municipal (de onde van saca-lo resto para teren a maioría?, dun sorteo que coincida no nº da lotería, por exemplo?), mentres que Cangas ten 4 de 21. O PP pretende controlar a Área co argumento de que ten máis alcaldías, como se todas tivesen a mesmo peso, sen ostentar á da cidade máis importante. Outros semellan aceptar un papeliño de figuración con tal de saíren na foto... E a todo isto, as competencias e o financiamento nin se debaten: o despropósito é evidente.

Porque, por exemplo, non se fala na Lei da Área Metropolitana dun Consorcio da Auga, nin de artellar seriamente un transporte compartido, pero si se dota a este organismo con competencias na planificación urbanística. É dicir, que dende Baiona, Mos ou calquera outro lugar poderán marca-lo futuro do noso desenvolvemento territorial. Poderase deseñar (e é só un exemplo) un Mos industrial, unha Baiona turística e un Cangas - Moaña para barrios periféricos residenciais de Vigo... Ciencia ficción? Se a Lei vai adiante tal e como está, coidamos que non...

Por iso, hai un par de meses, antes de que se perpretase a barbaridade, presentamos no Pleno de Cangas unha moción que criticaba as competencias e a falta de financiamento e rexeitaba unha representatividade na Asemblea que nos relega a meras comparsas sen peso. A moción foi aprobada por unanimidade, mais no Pleno seguinte PP (3) e BNG(1) nomearon representantes, pasando os dous grupos polo aro da Lei por moito que se declaren críticos coa mesma. É moito máis coherente neste caso a postura do sr. Caballero, que defende a súa posición coa insubmisión activa (mesmo que esteamos en desacordo cos motivos que esgrime...)

O certo é que, por uns motivos ou por outros, a Área Metropolitana nace morta por moito que se empeñen dende o Partido Popular e outros agachen as orellas. ACE non fala polos demais concellos, pero o que está claro é que Cangas non ten diñeiro para achegar ó seu funcionamento o que non dispoña o Estado (xa dixo que nada) nin a Xunta nin a Deputación de Pontevedra (ou si, señor Sotelo?), e ademais os cangueiros e as cangueiras non van deixar que se manipule o seu futuro dende ningunha instancia que non nos representa e que responde só a intereses partidistas. Témolo demostrado historicamente e seguro que seguiremos facéndoo. O futuro de Cangas, goberne quen goberne no Concello, dependerá sempre da decisión da nosa cidadanía... E quen non o entenda está condenado ó fracaso.