As mobilizacións anti-recortes expándense polos concellos da comarca

As mobilizacións que se están celebrando tódolos venres, e que deron comezo o 27 de xullo en Cangas, provocaron o efecto contaxio e esta semana houbo concentracións tamén en Bueu e Moaña. Estas localidades tamén van perpetuar estas reivindicacións pra incentivar na sociedade galega unha reacción ante as inxustizas que comete o goberno de Rajoy e o de Feijó en tódalas áreas e sectores.

A concentración de Bueu o xoves 9 tivo lugar na explanada  de Massó. En Moaña e Cangas tiveron lugar ás nove da noite diante de cadanseus concellos. A de Cangas, como de costume, convertiuse este venres 10 de agosto nunha manifestación que percorreu as rúas de Cangas, empezando pola Avenida de Castelao, parando o tráfico, clamando apoios diante das terrazas e dando a volta a Alameda Vella do noso municipio.

Antes da saída en manifestación, unha veciña representante da terceira idade dedicoulle ó público unhas palabras pedindo perseverancia na loita e resistencia pra botar abaixo o goberno. Esta mesma señora foi a encargada de presentar ós voceiros/as do 15-M, CIG-ensino e da Federación de ANPAs que vertebraron os seus discursos sobre a incidencia da crise provocada polo capital, as consecuencias máis daniñas segundo o sector e a importancia de transmitir á sociedade a necesidade de que cómpre rebelarse. Acto seguido saiuse en manifestación, como xa dixemos.

Ó chegar a Alameda Vella, entre multitude de pancartas e carteis, os veciños e veciñas seguiron coreando consignas ata que Manolo Camaño tomou o altofalante pra pecha-lo acto lembrando a necesidade de traer máis xente a esta convocatoria que ten lugar tódolos venres e que xa surtiu efecto no concellos lindeiros e moi logo farao no resto da Terra de Morrazo e do país. Como non podía ser doutra forma, o líder sindical, noutrora secretario xeral da CUT, manifestou de forma totalmente oportuna a solidariedade cos xornaleiros andaluces, o SAT e co alcalde de Marinaleda e parlamentario, o señor Sánchez Gordillo pois, indubidabelmente, son os actores sociais no Estado que nos están a mostrar arestora o camiño da loita popular. Nesa liña, Camaño tamén cargou contra os centros comerciais e as grandes superficies que son as que arruinan o pequeno comercio, mesmo a gandeiría ó tempo que expanden o consumismo máis insán, inútil e desmedido. Sen restarlle mérito ningún á acción en Andalucía, nada máis lonxe da realidade, lembrouse que unha actividade semellante xa tivera lugar hai 20 anos no Corte Inglés de Vigo. Daquela, un nutrido grupo de mariñeiros do banco canario-sahariano, cuxos postos de traballo estaban a ser fulminados e os barcos enviados ó despece, irrompeu nesa área pra coller toda a vitualla e produtos de primeira necesidade cantos se puido, pra logo deixalo á mercede do centro social relixioso das "Misioneras del Silencio" sito na rúa Urzáiz, uns dous centos metros máis pra baixo do Corte Inglés. Consérvanse, de feito, unhas imaxes en soporte videográfico que xa foron pasadas pola televisión estatal.

En todo caso, dende a ACE, lembramos que as mobilizacións continuarán tódolos venres, agora con máis forza pois a onda de rebelión estase a expandir non só polo sur do Estado senón que está a prende-la chama tamén na nosa comarca. Esperámosvos o vindeiro venres, difundide e traede ós vosos amigos e familiares. A loita continúa!

Concentración en Moaña este venres 10 de agosto.