A ACE manifesta o apoio á Comisión de Afectados polo proxecto da vía de circunvalación

Este luns 13 de agosto, o voceiro da ACE, Xosé Manuel Pazos, vén de presentar un escrito na Casa do Concello de Cangas onde se mostra o posicionamento deste partido a respecto da vía de circunvalación pra o noso municipio.

En primeiro lugar queremos facer público o noso apoio á recentemente constituída Comisión de Afectados/as por esta vía e asumi-las súas peticións de ampliación do prazo de alegacións e convocatoria dun Pleno Extraordinario (previa Xunta de Portavoces) para este mes, xa que o asunto ten a máxima transcendencia para o Concello en xeral.
A maiores, solicitamos que o Goberno Municipal habilite días e espazos (Colexio d´A Rúa, Auditorio, CC de Coiro...) para achegarlle toda a información técnica á veciñanza afectada. Este trámite informativo non se dá cumprido só con habilitar un día á semana para informar no Concello (un por un) á gran cantidade de afectadas e afectados que hai.

Os veciños de Moaña foron os primeiros en amosar organizadamente o descontentamento co proxecto.
Esiximos, paralelamente á construción desta vía, un estudo de mellora e execución dos viais de comunicación internos xa existentes.
Esiximos para o vial de circunvalación previsto entre os lugares d´A Rúa e San Pedro ( o mesmo que para a prolongación da Avenida de Marín cara a Romarigo) a consideración de “vía urbana”, (con menos afeccións e terrapléns) que se adapte ás características do terreo. Non imos aceptar unha “vía pechada”, con grandísimas afectacións, que se constitúa en “muro da vergoña” e que divida en dúas partes incomunicadas a parroquia de Coiro e o Leste de Darbo. A vía (simplemente alternativa ó paso polo centro de Cangas, non “vía rápida de penetración” nin nada polo estilo) ten que estar aberta ó vecindario, con acceso directo a ela, contemplando enlaces e saídas a lugares como por exemplo as pistas de atletismo e futura cidade deportiva.

Dende a ACE estamos dispostas e disposos a debater, negociar e consensuar un plan viario necesario a todas luces. O que non é de recibo é facelo de costas á veciñanza. Entendemos que ten que conxugar unha mellor mobilidade cos intereses da maioría e o respecto polo medio ambiente (río Bouzós, canles de auga, escorrentías, etc) que agora non se está a ter en conta.