Venres 3 de agosto: veciños e colectivos cangueiros continúan a loita

Diante da Casa do Concello de Cangas, ás 9 da noite, os veciños e colectivos sociais cangueiros continuarán a se manifestaren este venres 3 de agosto. O obxectivo non é outro que dar continuidade e engrandece-la xeira de mobilizacións encamiñadas a derruba-las políticas económicas abusivas e de recurtes de dereitos que estamos a padecer en Galicia e en todo o Estado Español. Será así tódolos venres, como xa sabedes. Felizmente, a semana pasada, a concentración converteuse nunha gran manifestación que percorreu as rúas de Cangas xuntando xente de diversos ámbitos. E é que a mobilización non se pode deter. Como sinalaron os compañeiros da Plataforma pola Sanidade Pública e do ámbito sindical nese acto, todo o mundo coincide en que a situación é crítica en calquera dos eidos sociais e sectoriais nos que reparemos. 
 
Imaxe da mobilización do pasado 27 de xullo.
A filosofía e vontade dos veciños e veciñas que a promoven é aglutinadora. Por suposto, todo o mundo ten cabida pra falar e pra face-las propostas que considere oportunas pra contribuirmos a deter esta barbarie. Na mobilización deste venres, entre os compañeiros/as que decidan voluntariamente toma-la palabra, intervirá o colectivo feminista Asociación Púrpura cun manifesto en protesta á modificación da Lei dos dereitos reproductivos e sexuais das Mulleres.

Animádevos e compartilo cos/coas vosos/as compañeiros/as.


Non deixes de acudir. Mobilízate.

Este sistema non serve!!